O presidente, dando fe da súa confianza na administración nómade, celebrou o Consello da Xunta en Pontevedra, unha cidade necesitada de agarimos gobernamentais. Núñez Feijóo é sensíbel á súa importancia electoral e serviuse do Consello para facer un acto de desagravio no que colocou no ollo do furacán as superdelegacións territoriais do goberno galego, unha das súas máis celebradas innovacións políticas.
As superdelegacións, enxalzadas por algúns como unha intelixente e aforradora ortopedia, foron igualmente aplaudidas por ser a vez primeira que a Administración galega se saía do padrón provincial. Mais cómpre non extraviarse, son un artefacto político malparido do que Feijóo vai ter que coidarse moi moito. O presidente xa tivo que aplicarse para neutralizar os celos de Baltar e Louzán, pero non puido zafar do problema creado pola secesión simbólica da quinta provincia (de Vigo) e a súa superdelegación. Tras a levantisca reacción do lobby pontevedrés, a Feijóo non lle quedou outra que achantar e promover a xibarización da superdelegación de Vigo que só terá competencias facendísticas, laborais e en asuntos mariños.
Non lle resultará doado ao presidente explicar as razóns da ortopedia da ortopedia que representa a delegación bonsai de Vigo. A mingua das súas competencias é unha choqueira solución para atender a unha área metropolitana que é o principal territorio industrial de Galiza, a cabeceira dunha das súas universidades e un importante polo de servizos comerciais; ademais de ser un espazo necesitado de novas equipamentos e servizos sociosanitarios, que precisa igualmente garantir unha xestión sustentábel da súa complexa ordenación urbanística e que está urxido de novas infraestruturas estratéxicas para facilitar a mobilidade de persoas e mercadorías.
A liliputiana delegación viguesa carecerá de capacidade para atender directamente ningunha das cuestións sinaladas pero, alén disto, este modelo caprichoso de desentralización fanada que Feijóo impón en Vigo é unha emenda á totalidade da súa oferta de racionalización da Administración galega e máis outra clamorosa evidencia da inmadureza das súas primeiras decisións de goberno.
Hai que desenganarse o problema de Núñez Feijóo non é a pésima e extravagante xestión local(ista) da creación das superdelegacións, é a función política que de modo contrabandeado lles asigna e que non é outra que a de ser, por unha banda, instrumentos de reforzamento político das deputacións gobernadas polo Partido Popular, e, por outra, funcionar como centros de contrapoder fronte ás deputacións de A Coruña e Lugo cogobernadas polo PSdeG e o BNG.
A iniciativa presidencial tradúcese en que o noso país terá, de feito, 9 deputacións, sumando a catro deputacións provinciais de reducidísimas credenciais democráticas, outras cinco inventadas polo think thank de Feijóo coa fórmula de superdelegacións absolutamente carentes de ningún control cidadán.
Woody Allen advertiunos, con intelixencia e ironía, que a vocación dos políticos de carreira é facer de cada solución un problema. A esa vocación comeza a entregarse con auténtica paixón o presidente Feijóo. Só ofrecidos á maior das candideces pode agardarse que as Superdelegacións sexan un exemplo de boas prácticas políticas. Serán o que foron, desde as súas orixes, as trastempadas deputacións provinciais, unha axencia de políticas clientelares, o reino da discrecionalidade na asignación de recursos e bens públicos e, agora, unhas instancias de poder incontrolado onde principiará a apodrecer a ilusión rexeneracionista de Feijóo.
Manuel M. Barreiro
Ramón dijo:
Vale, era mellor antes con 50 e pico deputacións non? Non eran contrapoder non? E como andamos sobrados de cartos que malo tiñan eses millonciños de euros dos soldos de 50 e pico delegados... Pois non, todos fóra, a buscarse a vida e deixar de vivir dos nosos cartos.
28-05-2009