El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Disparando aos reloxos

Irrealpolitik

01-06-2009

O ensaísta e crítico literario William Hazlitt estaba convencido de que algunhas persoas fan promesas polo puro pracer de crebantalas. Esta xenerosidade prometedora é común entre os que mandan e os que aspiran a gobernarnos. As políticas de emprego e de construción de obras públicas son posibelmente os dous principais caldos de cultivo de promesas incumpridas.

En Galiza os anuncios sobre as grandes infraestruturas de comunicación son recibidos con impasíbel escepticismo pero iso non impide o ofrecemento de fabulosos investimentos, faraónicos proxectos e expeditivos prazos de realización. Abondan en campaña electoral mais non rarean no resto dos tempos da irrealpolitik que se nos impón.

Hai dúas conviccións firmemente asentadas entre os galegos: Galiza padece un infame atraso na dotación de infraestruturas e os prazos para saldar esa débeda do Estado nunca se cumpren, agrandando así unha inxustiza que nos obriga a competir en desigualdade de condicións. Malia todo, cada novo anuncio segue conmovéndonos e engordando as nosas falsas esperanzas no triunfo dunha realpolitik que faga das decisións políticas unha ciencia exacta, cando menos, no que toca ao gasto e aos prazos comprometidos.

O ministro José Blanco decidiu facer apostolado da verdade e declarou que desde hai anos era sabido, no Goberno do Estado e de Galiza, que non se podería cumprir o prazo dado (e reiterado) de 2012 para a chegada da Alta Velocidade a Galiza. Con tal solemne autoinculpación quixo poñer fin «á fuxida cara adiante na que estabamos». Estar, estaban uns máis ca outros.

Xa se sabe que as hemerotecas as xestiona o Diaño e que podemos atopar certificacións de remate de obra en 2012 en boca de Zapatero, Magdalena Álvarez, Caride ou Emilio Pérez Touriño; e mesmo hai acordos parlamentarios entre PSdeG, BNG e PPdeG esteados no cumprimento desa fatídica data. O propio Blanco, hai tan só seis meses, tiña unha idea distinta cando declarou a un xornal galego: «Galiza necesita que a AVE chegue en 2012 e o Goberno de España está comprometido niso. Se é necesario faranse máis esforzos.»

José Blanco gábase de ter feito no PSOE un máster de dirección de empresas. Ha de ser que o día que explicaron «o principio de responsabilidade corporativa» el non foi ás aulas e ninguén tivo o agarimo de pasarlle os apuntamentos. A falta de compromiso colectivo cancélase con descarada amnesia selectiva.

Segundo os pitonisos da capital, Blanco ten cifradas as súas aspiracións políticas en retirarse da política activa como presidente da Xunta de Galicia. Cando toque competir por semellante gloria, quere presentarse ante os electores galegos cunha inmaculada folla de servizos ao noso país. Por iso non esta disposto a exercer de comedor dos pecados e incapacidades doutros.

Blanco é un experimentado directivo da irrealpolitik e da súa cultura da irresponsabilidade e da impunidade, por iso, e sen ningún remorso, cando lle preste aos seus intereses electorais particulares e intransferíbeis, sinalará no noso almanaque de prometedores prazos unha nova data e tratará de convencernos de que esa é a que vale.

Agora, facendo borrón e nova conta, cre ter zafado das promesas tantas veces incumpridas polo goberno do Reino e o seu partido. A realidade é moito máis cruel: a verdade revelada polo ministro de Fomento e vicesecretario xeral do PSOE serve para poñer a cero tanto o cronómetro da chegada da AVE a Galiza como a súa credibilidade política.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador




www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Quién crees que será el mejor candidato para liderar el PSdeG?
  • Gonzalo Caballero
  • Xoaquín Fernández Leiceaga
  • Juan Díaz Villoslada
Videoteca