Os Lakers e Pau Gasol impuxéronse con contundencia na NBA. Quizais a paixón polo básquet pesou no seu paisano José Montilla, president de Catalunya e cap dos socialistas cataláns, cando reivindicou para o PSC a súa utilidade fundamental como partido-tapón: «Os deputados do PSC serven para que non goberne Rajoy».
No básquet e na política, o «tapón» é unha vistosa arte defensiva singularmente máis útil para impeder derrotas que para asegurar vitorias. Toda a estratexia de Ferraz repousa na súa eficacia para poder bloquear as ofensivas do Partido Popular. Desde o outono de 2008, PSC e PSOE malviven entregados a unha estratexia defensiva, pródiga en tapóns pero escasa en tiros de tres; pobremente alternativa e falta de ilusións.
Complícaselle o futuro de goberno ao PSC por causa da recuperación electoral de CiU e ao PSOE como consecuencia da súa mala xestión da crise e a súa crecente soidade parlamentaria, sumatorio da súa falta de credibilidade e da súa carencia de engado negociador. O financiamento autonómico e a composición dos orzamentos do Estado súmanse agora a unha desfavorábel conxuntura económica na que a fraqueza de ingresos do Estado semella a conducir a un endurecemento dunha política económica redistribuidora que é escasamente progresiva e equitativa.
A determinación de Zapatero de facer valer os 11 millóns de votos que arrecadou para chegar ao Goberno en 2008 bate cunha teimuda evidencia: o PSOE perdeu a iniciativa política, o seu talante aperturista cifra as súas horas máis baixas, a España plural foi cancelada abruptamente e a xestión vangardista de dereitos e valores non foi quen se facerse soberana no terreo da súa política económica: a construción dunha democracia solidaria non é doadamente compatíbel co coidado dos intereses das grandes corporacións industriais e financeiras nin co mantemento das efectivas desigualdades de oportunidades que gravan as condición de benestar e desenvolvemento dalgunhas comunidades do Estado como Galiza.
Extravíase o PSOE se pensa que pode gañar apoios ofrecéndose como unha opción non para gobernar senón para evitar que gobernen outros. A mobilización do voto do medo conduce a ningures. Alén dos números electorais, a mensaxe política dos abstencionistas do 7 de xuño é esmagadoramente clara: «Para facelo como a dereita, que goberne a dereita». A solución aos seus retroceso electoral non a van atopar ofertándose como un partido-tapón ou un goberno enrocado.
Manuel M. Barreiro