O debate sobre o teito de investimento do Goberno do Estado empardeceu outras decisións que se adoptaron na mesma tirada parlamentaria e que sumaron menos atención informativa porque non afectaban aos cartos senón a valores, eran iniciativas lexislativas que trataban da xustiza universal e do dereito ao asilo.
Hai un tempo, Ralf Dahrendorf insistía en que «un debate público ilustrado debe ser unha disputa sobre políticas enmarcada nunha comunidade de valores e teimar niso é un obxectivo principal da política da liberdade.» Lamentabelmente, a obra do finado Dahrendorf ten pouco predicamento entre os nosos gobernantes e lexisladores.
A día de hoxe lembrarlles que os dereitos humanos non teñen patria nin saben de fronteiras constitúe un exercicio de cándida utopía, tan extrema como proclamar a globalización como un campo de novas oportunidades para a construción dunha democracia forte e unha sociedade civil planetaria máis xusta e igualitaria.
Por iso a pasada semana o Parlamento do Estado aprobou, sen maiores remorsos, unha redutiva reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial e unha morna Lei de Asilo que fican moi lonxe do que ONGs e axencias internacionais de axuda ao refuxiados consideraban necesario para garantir unha auténtica protección das persoas vítimas da violación dos seus dereitos fundamentais.
A modificación dos apartados 4 e 5 do artigo 23 da Lei Orgánica do Poder Xudicial restrinxe as competencias da xurisdición española en delitos de xenocidio, lesa humanidade, terrorismo ou piratería de xeito que só se poderán perseguir a criminais ou responsábeis da violación dos dereitos humanos ocorridos fóra do Estado cando haxa cidadáns españois afectados. Un xornal titulou choqueiramente: «Os xuíces españois non poderán xulgar a toda a humanidade.» O titular ten algo de disparatado; non é o caso de que os xuíces españois puidesen xulgar a toda humanidade, tan só se trataba de darlles potestade para procesar a aqueles que cometesen crimes contra a humanidade.
A rebaixa da xurisdición supón unha triste chapoda dos principios de xustiza universal e mingua as posibilidades de loita contra a impunidade. Magoantemente a mudanza da Lei só serve para que os dereitos humanos sexan máis vulnerábeis. Para empeorar as cousas, a Lei de Asilo e Protección Subsidiaria aprobada na mesma sesión parlamentaria non é especialmente xenerosa no recoñecemento do estatuto de refuxiado.
Achéganse malos tempos para a política da liberdade nos países economicamente máis desfavorecidos. Os monstros que xestionan a máquina do horror e o terror bailarán de ledicia: grazas ás nosas leis as vítimas non só estarán máis desprotexidas fronte aos seus desmandos senón que ademais terán menos facilidades de escapatoria. Os nosos lexisladores inconscientemente animan aos pirómanos e coa mesma retiran a escaleira de incendios. Triste de asombrar.
Manuel M. Barreiro