El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Disparando aos reloxos

Cifras e letras

06-07-2009

O debate sobre o financiamento autonómico parécese cada día máis ao famoso programa televisivo «Cifras e letras» que conduce Paco Lodeiro coa axuda de Iolanda Castaño e Xurxo Mira. Na composición das palabras resulta máis doado chegar a composicións formalmente compartidas –solidariedade, igualdade de acceso á prestación de servizos, atención do grao de envellecemento, importancia dos fenómenos migratorios, dispersión da poboación...– que van construíndo un criterioso glosario para a repartición dos fondos financeiros entre os autogobernos e as autonomías do Estado.   

Os problemas maiores, sábese ben, xorden cando hai que pechar caixa e cadrar vontades políticas e números. E senón que llo pregunten ao presidente Feijóo que nun feliz man a man harmonizou letras con Manuel Chaves, Vicepresidente terceiro, e fracasou de xeito desolador con Elena Salgado, Vicepresidenta segunda, canto tocou falar de cifras. As palabras de Chaves sinalaban esperanzadoramente o teito do 7,1% que drasticamente abaixou Salgado na súa condición de dona da caixa de haberes do Estado até pouco máis do 6%.  

Nos grandes números do Estado, Galiza xestiona un abano que vai do 6 ao 8 por cento. Seis por cento que vén representar, máis ou menos, o noso peso demográfico; 8 por cento que é a cota máxima que se nos recoñece nos investimentos estatais para a creación de infraestruturas de comunicación. Entre o máximo e o mínimo, o 7,1 por cento cifra un virtuoso punto de equilibrio.  

O 7,1 por cento do financiamento autonómico forneceríanos uns 8.700 millóns de euros anuais, mais de non acadar este obxectivo e conxelarse a nosa participación nos niveis actuais, Galiza perdería de embolsar uns 700 millóns de euros cada ano, un «potosí» nestes tempos de austeridade e recuada económica. Ninguén quere pensar nunha perda, mesmo moderada, de posicións que nos sitúen matematicamente no que representamos estritamente en termos demográficos –5,9 por cento– ou no 5 por cento que suma a nosa achega ao PIB do Estado. Sería, como din os nosos maiores, a ruína de Palmira.  

Algunhas decisións do Partido Popular nas que sumou gran responsabilidade Alberto Núñez Feijóo viranse agora na súa contra. En primeiro lugar, o desprezo propagandístico a que someteu todos os avances acadados polo Goberno Bipartito en materia de investimentos e logros competenciais compón agora un negro pano de fondo: todo era pouco e nada era plenamente satisfactorio. Desde o actual quilómetro cero canto avanzará en 2010 a Xunta conservadora?   

En segundo lugar, o Partido Popular empeñouse en fabular unha xeopolítica de intereses de xeito que todo o problema do financiamento se reducía ás esixencias bilaterais de Cataluña. Barcelona cartografouse así como epicentro da «crise de solidariedade» do Estado español. A simplificación maniquea rende pobres réditos cando se está na oposición, que despois se descontan gravosamente cando hai que ocuparse responsablemente dos labores de goberno.   

Galiza non negocia o seu financiamento con Cataluña senón co goberno do Estado e a deostada bilateralidade que quer facer Cataluña, pero tamén Madrid, Valencia, Navarra ou Baleares, en xustiza da súa maior achega ao PIB estatal, é a que lle toca facer valer a Galiza para que se recoñezan outros criterios igualmente relevantes que nos impiden ter unha maior contribución á riqueza do Estado.   

Desde Galiza a discusión non pasa por Cataluña senón por evidenciar que, malia a súa delongada aplicación, o actual modelo de financiamento non ten impactos sensíbeis na redución da fenda de benestar e riqueza que arreda a unhas comunidades doutras. É un modelo ineficaz e ineficiente para garantir a Galiza, e a outras comunidades, unha igualdade real de oportunidades e condicións para poder competir nos mercados creadores de riqueza pero tamén para ofrecer servizos de calidade equiparábeis aos de Cataluña, Navarra, Euscadi ou Madrid.   

O sistema vixente non se compromete coa converxencia nin establece uns niveis mínimos de benestar ou renda; é un modelo de repartición e non de converxencia que o Partido Popular aplaudiu e consagrou cando lle tocou gobernar no Estado, complicidade que hoxe lle impide explicar convincentemente porque Galiza ten dereito a recibir maiores fondos.  

E, por último, o extravío de maior calado estratéxico. O veto do Partido Popular deixou a Galiza cun vello Estatuto e unha cota de autogoberno ancorada en 1981. As comunidades do Estado que teñen estatutos de segunda xeración –Comunidade Valenciana, Cataluña, Andalucía, Aragón, Castela e León, e Baleares– sumaron voces para poñer en claro unha evidencia: teñen maiores competencias das que facerse cargo e aspiran a acadar os fondos necesarios para lograr unha xestión solvente. A compracente tese dos conservadores galaicos de que temos un «autogoberno suficiente» trae agora como efecto colateral que teremos que padecer, con case que toda certeza, un financiamento insuficiente.  

Con todo, o presidente Feijóo aínda está a tempo de emendarse e ten ao seu favor dúas poderosas bazas a xogar no debate. Se non as fai valer, Galiza volvera padecer unha aldraxe como a do pretendido Estatuto de 1979 agora nas cifras de financiamento coma antes na letras competenciais. Feijóo conta co consenso das tres forzas parlamentarias do noso país ao redor duns criterios e dunha cifra satisfactoria, o 7,1%, ninguén o vai criticar por non conseguir máis ou tanto como Cataluña. A segunda, ten que valorizar o apoio dunha sociedade civil que quere argumentar as súas demandas desde a responsabilidade e non desde o vitimismo.   

Nunca antes ningún presidente galego negociou con semellantes avais. Tócalle estar a altura das circunstancias e dos apoios recibidos, non é tempo de resignación, o presidente debe facer do financiamento de Galiza unha «cuestión de estado» decisiva para o futuro do noso autogoberno. Fracasar é non intentalo.

Manuel M. Barreiro


Ver otros artículos de este colaborador


Comentarios ( 1 )

alberto dijo:

manolo...non che favorece esa foto...mellor a da promoción de historia do outro día ;-)

07-07-2009



www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




ENCUESTA
  • ¿Crees que Puigdemont debería proclamar la República antes de que se aplique el 155?
  • NO
  • NS | NC
Videoteca