Cando Pasqual Maragall gañou as eleccións catalás en 2003, preguntáronlle a Lluís Llach cal ía ser, na súa idea, o principal problema do novo President; o cantautor tíñao claro: o problema maior sería o PSOE. Non errou. Tras o outubro negro, preguntarse cales son os problemas máis agudos de Rajoy é unha cuestión ociosa; son dous: o Partido Popular e el mesmo, sumatorio da súa indecisión e da falta dun proxecto de goberno para o Estado e para o seu propio partido.
O presidente do PP é ridiculamente vulnerábel porque a lealdade popular cotiza á baixa e, por moi orteguiano que se poña Gallardón, o camiño máis curto entre o corazón dalgúns baróns e o de Rajoy mídese con magnitudes galácticas. É grotesco porque non ten un programa convincente para enfrontar a crise que non pase polos caprichos da CEOE; e é unha alternativa fraudulenta porque carece de vontade e de ideas para acometer a necesaria limpeza do seu partido como garantía dun goberno honesto.
A avantaxe relativa de Rajoy é que o PSOE é igualmente incapaz de achegar alternativas solventes en ambos os dous capítulos críticos: o devalo económico e a corrupción. O desnorte do executivo de Rodríguez Zapatero é o que máis axuda a disimular as carencias de Mariano Rajoy como opositor con aspiracións a gobernante.
A cousa leva camiño de empeorar porque algún sisudo estratego da Moncloa ou Ferraz convenceu ao presidente para que se concentre na política exterior e non comprometa máis a súa imaxe atendendo problemas domésticos de difícil resolución. Zapatero pode estar certo de que cando remate a súa presidencia na Unión Europea os problemas socioeconómicos estarán agardando por el e terán bastante peor cara.
Rajoy está noqueado pero non será o PSOE quen o deite na lona, serán os disparates propios e os despropósitos da súa tropa. Por iso agardábase con expectación morbosa o discurso de Rajoy ante os sátrapas territoriais para saber se (aínda) era posíbel o retorno á cordura.
Obsequiounos cun peza mediocre que pivotou basicamente en tres argumentos: o imperio da lei do silencio para evitar o deterioro da imaxe do partido; o aval dos resultados políticos en Galiza e Euscadi e nas eleccións europeas; e as excelentes perspectivas que sinalan as sondaxes de intención de voto. Sobre estas bases Rajoy quere (re)edificar o seu liderado e reflotar o Partido Popular como «unha forza nacional, unida e limpa».
Na véspera do Supermartes, os ilusionistas comezaron xa a falar da resurrección de Mariano Rajoy e, cos entusiasmos revolucionados, entregáronse ao seu labor evanxelizador para convencernos de que o presidente do Partido Popular ía saír moi reforzado da crise de autoridade que o abaneou de xeito inmisericorde na última quincena de outubro.
A idea do guión marianista achegouna Saint Exupéry: «o fracaso fortifica aos fortes». Superados algúns fracasos parciais, Rajoy pon orde e revalida o seu poder. O Consello Executivo do 3-N convocouse así para escenificar a recuperación vigorosa do seu liderado e sinalar un punto e final co anuncio de que «non haberá próxima vez» para discutir a súa autoridade.
Unha pretensiosa posta en escena, cando Rajoy deixou de falar a cadeira baleira de Esperanza Aguirre anunciaba silandeira que haberá outras moitas veces e que non han de tardar.
Manuel M. Barreiro
¿Quién es "El Freddy"? De momento sólo se sabe que es el protagonista de una enigmática campaña publicitaria presentada en A Coruña. El individuo, que habla "koruño", se reivindica en la web, en autobuses y en vallas como el verdadero "dueño" de la ciudad. Para demostrarlo muestra hasta documentos "oficiales". En los próximos días sabremos quién está detras.