O presidente Feijóo non sabe como os esquimós cazan os seus inimigos os lobos. De saber non había de deixar que o seu conselleiro cualificase de apoucada e ensimesmada á nosa cultura. Tampouco permitiría que outro seu conselleiro puxera en cuestión a excelencia do sistema universitario e as razóns de investir en coñecemento. Habería de calar ao seus homes de confianza por arroutar que foi o medo e non a defensa da lingua galega o que ateigou a praza do Obradoiro. Mesmo había de medir as súas propias declaracións sobre a radicalidade nacionalista dos que se animan a discutir o disparatado decreto de desnormalización lingüística no ensino. E habería de impoñerse maior prudencia e proscribir outros moitos exercicios de maltrato gobernamental da intelixencia.
É difícil atopar un goberno que, en tan pouco tempo, xerase unha acumulación tan escandalosa de malestares. Xestores do malestar na oposición, agora no Consello da Xunta multiplican malestares onde non había problemas e onde os hai non achegan solución ningunha. Aínda agarda a sociedade galega polo primeiro éxito do noso cordial presidente, de quen fixo da eficacia a súa principal bandeira e se ofreceu a «gobernar en coalición cos cidadáns».
Comezan a escoitarse voces, entre os seus, que aseguran que todo é culpa da Vicepresidenta Primeira, a Prepotencia, e da Vicepresidenta Segunda, a Soberbia, que son quen realmente mandan no Consello da Xunta. Gobernan Galiza pero todo se decide pensando en Madrid, na carreira cara á Moncloa e no calor da fogueira das vaidades na que se quecen os que aspiran suceder a Rajoy.
O presidente Feijóo foi convencido polos lobbies que lle achandaron o camiño a Monte Pío de que pode imporse a toda forza opositora, mesmo a toda forza da natureza. Goberna co aplauso dos poderes mediáticos e económicos do noso país que xenerosamente lle aconsellan que afonde no que algún extraviado publicista bautizou como a Segunda Modernización de Galiza: o desquite pola derrota de 2005 e a liquidación das fráxiles políticas do cambio do Bipartito. Liquidación desas políticas pero tamén desprezo polos consensos callados por Manuel Fraga cos que se logrou institucionalizar un proceso de normalización que non se metía con ninguén.
Temos un goberno mantido unicamente pola súa propia voracidade de poder e polo aplauso dos poderosos. Un poder que se alimenta de provocar malestares e de desautorizar á cidadanía que non se conforma e fai defensa dos seus dereitos. Un poder narcotizado polo goberno da deleiba que se cre forte porque é discutido. Un goberno que en cada decisión se suicida por entender que a autoridade se fundamenta en soberbias declaracións e non no convencemento dos demais.
Acontece todo isto por non saber que os esquimós para cazar lobos fan unha grande bóla de unto e que na súa alma meten lascas de sílex ou afiadas follas de aceiro. E déitana na neve. E deixan que o frío endureza a bóla. E o lobo dá con ela. E comeza a lamber o gorentoso unto e axiña a lingua dá co gume. E o frío impide que sinta a dor da moitas talladas. E a quentura do gostoso sangue anima ao lobo a lamber máis e outra vez máis. E con cada nova linguatada as talladas son máis fondas. E máis engaiolante resulta o gosto do sangue propio mesturado co unto... até que se lle baleiran as forzas e morre a fera afogada no seu propio sangue.
De saber como cazan os esquimós aos lobos, o presidente Feijóo deixaría de lamber na destrución de Galiza, da súa lingua e da súa cultura. Pero non quere saber, aprácelle o sabor do sangue, da vaidade e da soberbia de presidir un goberno de voraces sombras.
Manuel M. Barreiro
¿Quién es "El Freddy"? De momento sólo se sabe que es el protagonista de una enigmática campaña publicitaria presentada en A Coruña. El individuo, que habla "koruño", se reivindica en la web, en autobuses y en vallas como el verdadero "dueño" de la ciudad. Para demostrarlo muestra hasta documentos "oficiales". En los próximos días sabremos quién está detras.