Un exemplo de democracia. O Congreso do Partido Popular de Ourense. Máis que un congreso de compromisarios foi congreso de comprometidos, uns coa trama de poder que se tece desde a Deputación, outros coa que se anima desde o despacho do superdelegado da Xunta en Ourense. Máis dun mes de duras retesías intestinas no PPdeOU no que se fixo uso de todo o repertorio de medios do novo e do vello caciquismo, un tráfico tan público como intenso de lealdades e débedas de favor, de ameazas e promesas.
O proceso congresual estivo pautado por coaccións e a lembranza institucionalizada de fidelidades e ameazas, impúxose o imperio da sospeita e garantiuse a creba de toda confianza na libre decisión dos compromisarios. Tan gloriosas condutas tamén conduciron ao presidente Núñez Feijóo a cualificar a democracia orgánica do PPdeOU como exemplar. Tamén lle valeu para santificar as honestas prácticas dos Soprano: «Este non é o partido dos caciques.» Se chega a ser…
O novo baltarismo arrinca cunha vitoria que non é pouco, mais non deben enganarse, tampouco é moito. Feijóo encaixa unha derrota pero é o presidente quen pon os deberes: «Non vale de nada gañar congresos se non se gañan as eleccións.» Baltar Jr. queda avisado de que a reválida será nas municipais de 2011.
A institucionalización do cinismo permítelle ao Partido Popular agochar todas as fendas que a exemplaridade democrática do seu congreso ourensán deixou á luz, tamén vale para dar vida artificial á euforia e mesmo para profetizar apocalípticas vitorias electorais do neobaltarismo.
Diego Calvo, capo secundario dos populares coruñeses, exerceu de Nostradamus: «Que se boten a tremer PSOE e BNG de Ourense, van desaparecer.» O seu vaticinio serve para deixar claro que as exquisitas boas prácticas ensaiadas por ambas as dúas bandeirías conservadoras no Congreso Popular de Ourense, no futuro serán empregadas outdoor para engordar o dominio municipal conservador en toda a provincia.
Análises sensíbeis do Congreso do PPdeOU permiten determinar a existencia dunha confrontación entre dúas (sub)culturas políticas, unha virada cara á compoñente populista e galeguista, outra de gustos tecnocráticos e resonancias neoconservadoras; unha provincialista, a contraria motivada por unha autoridade centralista; unha mobilizada por todo o debido ao presidente cativo da Deputación, outra ofrecida ás prebendas do presidente supremo que reina en Monte Pío e quere facelo na Galiza toda, no Ourense popular incluído.
Falando das diferentes castes de conservadores, a quen lle guste menos a decoración política, han de valer ben máis as palabras de Eduardo Haro Tecglen: «Pode distinguirse entre a aqueles que cren que é preciso que todo cambie para que todo siga igual e os que cren que nada debería cambiar: os dous serán conservadores, pero a aquel poderáselle cualificar de móbil, e a este de inmobilista.»
No Partido Popular de Ourense, os conservadores móbiles sumaron menos, gañaron 6 a 4 os inmobilistas. Impúxose a dereita dinástica e perdeu a dereita lampedusiana. Alberto Núñez Feijóo foi derrotado na súa terra pero pode consolarse coa sabedoría dun vello dito xaponés: «É preferíbel un vello adversario que un novo inimigo.» Iso explica que abrazase con tanta paixón a Baltar pai e a Baltar fillo.
Manuel M. Barreiro
¿Quién es "El Freddy"? De momento sólo se sabe que es el protagonista de una enigmática campaña publicitaria presentada en A Coruña. El individuo, que habla "koruño", se reivindica en la web, en autobuses y en vallas como el verdadero "dueño" de la ciudad. Para demostrarlo muestra hasta documentos "oficiales". En los próximos días sabremos quién está detras.