Tras sete días que estremeceron a economía do Reino de España, somos moitos os que nos preguntamos cal é a doenza que atorda ao PSOE, ao seu goberno e ao seu presidente? Como é posíbel que, diante da enxurrada de respostas negativas que provoca toda e cada unha das súas accións, non haxa reacción ningunha? Instalados na corrente principal dunha cada vez máis próxima catástrofe electoral ninguén advirte o perigo? Non hai quen active os freos de emerxencia e impoña unha xestión fría e máis medida das propostas do goberno? Entre o anuncio do atraso da idade de xubilación o pasado 30 de xaneiro e o avance do proxecto de reforma laboral o pasado venres 5 de febreiro acoutase unha semana de paixón na que se afianzou a idea de que o grupo dirixente do PSOE padece a síndrome da orquestra do Titanic.
Os músicos do soberbio transatlántico seguían tocando mentres o buque era engulido polo océano tras bater co iceberg. As iniciativas económicas do goberno do PSOE, case que todas, nacen mortas ou anúncianse moribundas mais o presidente e o seu grupo de cámara desprezan todos os sinais do seu fracaso e seguen ensimesmados na interpretación dunha despropositada selección de iniciativas mal medidas, nunca ben negociadas cos axentes sociais ou os socios parlamentarios e, na maior parte dos casos, pesimamente presentadas en sociedade.
Que esta sexa unha doenza estendida entre os gobernantes, unha auténtica pandemia, non xustifica a súa incapacidade de emenda, corrección e mesmo a carencia de calquera resposta adaptativa movida polo máis simple instinto de supervivencia electoral. Unicamente cando a situación financeira e económica de España foi homologada coa deleiba grega se produciu unha espamódica reacción por parte do executivo de Rodríguez Zapatero. É difícil crer que acordou definitivamente da súa fantasía gobernamental e queda por ver se os graves danos producidos na súa credibilidade son aínda reversíbeis.
Rodríguez Zapatero ten o inimigo ás portas da Moncloa. Por moi matizábeis que sexan as últimas entregas demoscópicas, o PSOE perde folgos e a solidez dos apoios electorais do Partido Popular non se resente pola mediocridade do seu líder, a súa ausencia de alternativas concretas ou o coñecemento cidadán da existencia de tramas corruptas que son donas dos negocios dos conservadores onde gobernan.
No tempo que lle resta até a fin do seu mandato, o Partido Popular sosterá fóra de sede parlamentaria unha moción de censura permanente. Para o presidente socialista será un tempo á espera dun milagre económico que salve as contas do Estado tanto como o seu saldo electoral. Rodríguez Zapatero, máis atordado ou menos apampado, cífrao todo á forza desa esperanza. Debería atender ao que deixou escrito Vitor Hugo: «A esperanza sería a maior das forzas humanas, se non existise o desespero.» Desespero que se impón soberanamente entre os electores progresistas mentres a orquestra do Titanic ataca de xeito terminal un precioso réquiem.
Manuel M. Barreiro
¿Quién es "El Freddy"? De momento sólo se sabe que es el protagonista de una enigmática campaña publicitaria presentada en A Coruña. El individuo, que habla "koruño", se reivindica en la web, en autobuses y en vallas como el verdadero "dueño" de la ciudad. Para demostrarlo muestra hasta documentos "oficiales". En los próximos días sabremos quién está detras.