A Coruña. O conselleiro de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o reitor da Universidade da Coruña
(UDC), Julio Albalde, asinaron un convenio de colaboración a través do cal o
departamento educativo da Xunta de Galicia mobiliza un total de 1.709.000 euros
para impulsar novas accións de I+D+i na universidade coruñesa.
O obxecto deste convenio é establecer as
condicións para o desenvolvemento de novas accións estratéxicas neste eido co
fin de estruturar e potenciar a actividade investigadora da propia UDC. En
concreto, as actuacións centraranse arredor dos campus de especialización
Industrial de Ferrol, Innova e da Sustentabilidade, ademais de en investimentos
materiais e inmateriais en centros de investigación, entre outros.
Deste xeito o departamento educativo da Xunta
de Galicia continúa fortalecendo a estratexia de especialización de campus,
ademais de ofrecer apoio ao desenvolvemento da investigación universitaria, en
consonancia coa aposta polo crecemento intelixente que fai o Plan estratéxico
de Galicia 2015-2020.
Campus
Industrial
No referido ao Campus Industrial de Ferrol, as
actuacións céntranse en dar continuidade á Oficina do mesmo, o que permitirá
afondar na relación do campus con todos os axentes interesados na actividade
investigadora e de transferencia a desenvolver, a través da contratación de
persoal, equipamentos e da asistencia técnica para a planificación da Agrupación
Estratéxica do Campus Industrial de Ferrol.
Así mesmo, desenvolveranse accións de
comercialización, difusión, apoio á coordinación e apoio no deseño e estratexia
de difusión do Campus, co fin de dar a coñecer a oferta académica que leva
asociada . Ademais, potenciarase a internacionalización, posicionando a oferta
académica no exterior, o que vai permitir afianzar e incrementar as relacións
en materia de docencia, investigación e transferencia do Campus, favorecendo a
presenza de estudantes estranxeiros e de iniciativas de colaboración en
docencia e investigación con institucións estranxeiras.
A maiores, realizarase un acondicionamento das
infraestruturas, equipamento básico e recursos docentes para adaptalos ás novas
necesidades docentes, co fin de acadar unha docencia moito máis interactiva,
cunha visión práctica e con novos medios tecnolóxicos que estimule a
aprendizaxe grupal e a iniciativa emprendedora do estudantado.
Campus
Innova e Campus da Sustentabilidade
No que atinxe aos Campus Innova e Campus da Sustentabilidade
(este último presentado o pasado 26 de xuño), o convenio contempla actuacións
para impulsar a posta en marcha destes dous campus centrais da Coruña, así como
para presentar á sociedade estas dúas accións de especialización que se veñen a
sumar ao Campus Industrial de Ferrol.
O principal obxectivo do Campus Innova é
consolidarse en áreas de coñecemento
vinculadas á innovación nas tecnoloxías da información e comunicación, á
innovación aplicada á edificación e enxeñería civil e ás tics aplicadas ás
humanidades e contidos dixitais. No caso do da Sustentabilidade, centrarase en áreas
de coñecemento vinculadas ao urbanismo e paisaxe; á sustentabilidade ambiental,
social e económica; e á vida saudable e o deporte.
Así, entre as accións subvencionables ao
abeiro do convenio están os materiais divulgativos e promocionais, así como o
servizo de oficina técnica, que permitirá realizar a coordinación de todas as
actividades.
Neste mesmo marco, contémplanse accións de
internacionalización centradas en implantar programas académicos bilingües, o
desenvolvemento de máis doutorados europeos ou a participación en convocatorias
de proxectos de investigación europeos ou programas específicos no eido das
TIC.
Investimento
material e inmaterial
Na terceira liña de actuación, orientada a
investimentos materiais e inmateriais, recóllense as accións dirixidas á
mellora de unidades e centros de investigación, renovación tecnolóxica e
promoción da investigación e transferencia; á implantación continua de medidas
singulares para a potenciación da investigación e da transferencia; ás políticas
de aforro enerxético e reformas que permitan a sustentabilidade dos edificios
universitarios.
Entre outros centros, beneficiaranse deste
convenio a Escola Internacional de Doutoramento (EID), o Servizo de apoio á
investigación (Edificio LERD), o Edificio de Servizos Centrais de Investigación
(ESCI), as facultades de Socioloxía e Arquitectura, o Centro de Investigación
de Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC), ou o Centro de
Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).