ABANCA obtivo no primeiro trimestre de 2018 un resultado neto de 155,3 millóns de euros, un 1,5% máis que no mesmo período do exercicio anterior. Este resultado apoiouse nun importante incremento da marxe recorrente, que aumenta un 13,4% e gaña peso na conta de resultados.
A actividade do banco nos tres primeiros meses do ano traduciuse, ademais, en novos avances en aspectos esenciais para a evolución da entidade. Entre eles destacan a mellora da calidade da carteira, cunha taxa de morosidade que se sitúa no 4,6%, o reforzo da solvencia, cun ratio de capital do 15,6% e unha folgura de 2.015 millóns sobre os requirimentos, e o incremento da actividade comercial, cun crecemento da produción de crédito por encima do sector e un bo comportamento da comercialización de produtos de valor.
No primeiros tres meses do ano a entidade continuou profundando no seu proceso de dixitalización. ABANCA é líder no uso de banca móbil cun índice de uso do 59%, nivel que supón 18 p.p. por encima da media do sector. Neste primeiro trimestre destacou a incorporación da xestión de seguros á súa APP de banca móbil, un avance pioneiro no sector.
Todo iso está a ter como reflexo a mellora continua dos índices de satisfacción dos clientes. Segundo a última edición do ‘Estudo de emocións de clientes particulares no sector bancario español’ da consultora EMO Insights International, ABANCA é a segunda entidade que máis creceu en satisfacción dos seus clientes no últimos tres anos.
Maior achega a resultados das liñas recorrentes
A marxe de intereses creceu un 14,9% grazas á mellora continua da marxe comercial. Esta mellora baséase fundamentalmente na actividade con clientes minoristas, que compoñen o centro do negocio da entidade.
Os ingresos por prestación de servizos aumentaron un 9,1%. Este incremento procede do crecemento da comercialización de fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro e xerais, cuxa achega aumentou un 22,3%, así como do bo comportamento dos servizos bancarios, que xeraron un 10,5% máis de ingresos.
Grazas a unha xestión diferencial do negocio, a entidade sitúase á cabeza do sector en España en crecemento dos ingresos recorrentes, cunha mellora na marxe básica do 13,4% respecto ao mesmo período de 2017.
Impulso ao negocio con clientes
ABANCA rexistrou entre xaneiro e marzo un significativo crecemento no seu volume de negocio, situado nun total de 66.607 millóns de euros, o que referenda o seu modelo de entidade financeira centrada no cliente.
O crédito á clientela creceu un 5,9% ata os 27.841 millóns de euros. A estrutura da carteira, cada vez máis diversificada, sitúa ás familias, co 51% do total, e ás empresas, co 37%, como os primeiros destinatarios do financiamento concedido pola entidade.
Este crecemento do crédito veu acompañado por un aumento dos recursos de clientes dun 8,3%, grazas fundamentalmente ao impulso dos saldos á vista e a contratación de produtos fóra de balance, en especial fondos de investimento.
Os depósitos, que compoñen o núcleo da estrutura de financiamento da entidade, creceron un 6,4% grazas, entre outros factores, ao incremento do 4,6% rexistrado no número de altas de novos clientes e á captación de 63.000 novas nóminas de clientes.
A entidade tamén logrou un forte crecemento na venda de produtos fóra de balance, cuxa carteira supera xa os 6.300 millóns. A comercialización de fondos de investimento, plans de pensións e seguros de aforro creceu un 19,2% interanual e permitiu á entidade aumentar as súas cotas de mercado nacionais no tres produtos.
Pola súa banda, as primas da nova produción de seguros xerais creceron un 6,6% interanual. Por ramos, os seguros de empresa creceron un 38%, os seguros de saúde un 37%, a seguros vida-risco un 9% e os seguros de fogar un 7%.
Entre as mellores entidades por calidade de activos
A entidade rexistrou a peche de marzo unha redución interanual do 30,3% na súa taxa de morosidade, que desta forma quedou situada no 4,6%.
O banco con sede en Galicia é unha das entidades con mellor calidade de activos do sector financeiro español. Cun peso de tan só o 2,2%, ABANCA é a segunda entidade española con menor peso de activos improductivos sobre o seu activo total. A proporción dos adxudicados no seu balance é do 0,8%, practicamente a metade da media do sector.
O ratio de cobertura da morosidade situouse a finais de marzo no 53,6%, mentres que o correspondente aos activos adxudicados quedou situado no 61,1%. Con iso, a cobertura total presenta un nivel do 56,5% dos activos dubidosos e adxudicados.
Esta combinación de calidade da carteira e coberturas, unida a uns elevados niveis de capital, sitúa firmemente a ABANCA fronte aos retos que afronta o sector.
Fortaleza en capitalización e liquidez
A entidade dispón dun dos niveis de capitalización máis altos do sector, cun ratio CET1 Phase In do 15,6%, e conta cun exceso de capital sobre os requirimentos do BCE cifrado en 2.015 millóns de euros.
ABANCA continúa demostrando a súa capacidade de xeración orgánica de capital a pesar da entrada en vigor da NIIF 9 (que supón un impacto de 18 p.b. no ratio CET1), tal e como mostra o incremento de 132 p.b no seu ratio CET1 Fully Loaded con respecto a marzo de 2017.
ABANCA presenta tamén un amplo cumprimento dos requisitos de liquidez establecidos polo regulador. O ratio de financiamento neto estable NSFR está situado no 130%, mentres que o ratio de cobertura de liquidez LCR é do 269%, niveis por encima das esixencias Basilea III para 2018. A entidade dispón dunha posición de liquidez cifrada en 10.933 millóns de euros entre activos líquidos e capacidade de emisión de cédulas, nivel que lle permitiría cubrir máis do dobre dos vencementos das súas emisións.
O ratio LTD minorista de ABANCA, 92,0% fronte a 110,6% de media do sector, reflicte a política de prudencia e sustentabilidade da entidade. A súa estrutura de financiamento, claramente minorista, pon a énfase nos depósitos minoristas, que supoñen o 75% do conxunto das súas fontes de financiamento, en detrimento de outras opcións.
Outros fitos do trimestre
No primeiro trimestre do ano ABANCA alcanzou un acordo para a adquisición da unidade de banca de particulares de Deutsche Bank´s Private & Commercial Client (‘PCC’) Portugal. Con esta operación, que forma parte da estratexia de ABANCA de crecer en mercados e segmentos complementarios co seu proxecto, a entidade aumenta o seu negocio internacional e gaña presenza no segmento de banca persoal e privada, áreas nas que Deutsche Bank PCC Portugal está especializado.
A compra de Deutsche Bank Portugal PCC fortalece o modelo de negocio de ABANCA ao reforzar o seu posicionamento na venda de fondos, plans e seguros, produtos de investimento xeradores de ingresos por servizos. ABANCA sumará 41 oficinas á súa rede e un total de 6.500 millóns de euros en volume de negocio. Departamento de comunicación