El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación busca financiamento europeo para tres proxectos de mobilidade ciclista

27-11-2017 18:22:52
Presentación na Deputación da Coruña.

A Coruña.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Vías e Obras e Medio Ambiente, José Manuel Pequeño Castro, presentaron hoxe na sede da institución provincial un plan director para fomentar a mobilidade ciclista na provincia.

Este plan, que servirá de base para solicitar financiamento europeo, estará composto por tres proxectos singulares: a ampliación da rede ciclista metropolitana da Coruña, a creación da Vía Verde entre Santiago e Cerceda e a construción de sendas en 11 faros da zona de Ferrolterra, a Costa da Morte e a ría de Muros.

Os proxectos supoñen un potente investimento de 11 millóns de euros, e permitirán ampliar en preto de 130 quilómetros a rede ciclista da provincia. A Deputación da Coruña solicitará financiamento a través dos fondos FEDER e, en concreto, dentro das axudas que convoca o IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético) para proxectos de inversión, inferiores a un millón de euros, no ámbito da economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes. O obxectivo da institución provincial é que os fondos europeos financien un 80% do orzamento, mentres que a Deputación aportaría o restante con fondos propios.

No acto de presentación, o enxeñeiro da Deputación, Pablo Couto, explicou os detalles do plan aos alcaldes e concelleiros dos 18 municipios coruñeses nos que se realizarán estes proxectos: Carral, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Mañón, Cariño, Valdoviño, Malpica, Laxe, Carmariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros, Ordes, Tordoia e Cerceda.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, explicou que “dende a Deputación da Coruña, temos moi claro que se debe apostar pola mobilidade sustentable, e dentro dela a bicicleta”, e destacou que as sendas ciclistas, ademais de potenciar un medio de transporte con beneficios para o medio ambiente e a saúde, actuarán “como un elemento de vertebración do territorio, facilitando a conexión entre os núcleos rurais”.

González Formoso lembrou que “esta aposta pola mobilidade ciclista xa se está a facer realidade coa construción da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, un proxecto que conectará os concellos da Coruña, Culleredo, Oleiros, Cambre e Arteixo a través dunha rede continua e homoxénea, e que potenciará o uso da bicicleta entre os veciños para que finalmente se converta nun medio de transporte real e non en simples alternativas de ocio”.

Pola súa banda, o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, explicou que a provincia conta actualmente con 640 km de sendas ciclistas e 67,5 quilómetros de carrís bici, que se concentran maioritariamente nas cidades de A Coruña (16,3 km), Ferrol (10,48 km) e Santiago (7,94 km).

“Dende a Deputación non queremos que este modo de transporte quede limitado ás grandes urbes e o seu entorno máis próximo, senón que se estenda tamén aos concellos máis pequenos e rurais” afirmou o deputado provincial e explicou que os tres proxectos presentados hoxe potenciarán infraestruturas como carrís bicis e sendas ciclistas en diversos puntos da provincia.

José Manuel Pequeño tamén salientou que, para a elaboración dos proxectos, tivéronse en conta criterios coma a seguridade, a continuidade dos tramos existentes, a conectividade ou o aproveitamento de infraestruturas que se atopen en desuso. A Deputación estima que, se se consegue o financiamento dos fondos FEDER, os tres proxectos poderían estar executados no ano 2020. 


Ampliación da rede ciclista metropolitana

A Deputación propón a ampliación da rede ciclista metropolitana da Coruña coa construción dunha senda única e homoxeneizada nos concellos de Carral, Abegondo, Cambre, Bergondo e Betanzos. Esta infraestrutura uniríase na presa de Cecebre co carril bici metropolitano, servindo así de conexión para estes municipios máis pequenos e rurais. 

O novo carril bici discorrería en gran parte pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. As sendas, que utilizarían camiños públicos como base, bordearían todo o encoro,  saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o val do Barces para chegar a Carral, e pasando tamén por varios núcleos de poboación de Abegondo, como Sarandóns.

Así, este proxecto estaría composto por un total de 29,8 novos quilómetros de senda ciclable e precisaría unha inversión estimada de 2,5 millóns de euros. 


Sendas para mellorar o acceso aos faros

A través deste proxecto, a Deputación pretende potenciar os faros en funcionamento da provincia e o seu valor cultural e paisaxístico. Para elo, crearanse sendas ciclistas que conecten os faros coas poboacións máis próximas, facilitando deste modo o acceso.

Estas sendas construiranse en 11 faros da zona de Ferrolterra, a Costa da Morte e Muros, de xeito que se crearán 59,6 quilómetros de percorrido. En total, o investimento necesario para levar a cabo este proxecto estímase en 5,1 millóns de euros. 

O deputado José Manuel Pequeño salientou que este proxecto terá unha gran importancia para “promover o turismo e diversificar a economía” das poboacións costeiras, nunha provincia que conta con “26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa cun enorme valor patrimonial, ambiental e cultural”.

Este proxecto complementaría outras apostas da Deputación, coma a Ruta dos Faros. A institución provincial financia tamén a homologación deste camiño como Senda de Gran Percorrido, co obxectivo de fomentar o turismo ao redor deste tipo de construcións nos concellos da Costa da Morte. 


Vía Verde Santiago-Ordes-Cerceda 

A Vía Verde entre Santiago, Ordes, Cerceda e Tordoia aproveitaría as antigas vías do tren, que na actualidade se atopan en desuso, para crear un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 38 quilómetros de lonxitude.

A Deputación da Coruña xa colaborou coa reactivación da Vía Verde achegando os fondos necesarios para a redacción do proxecto, así coma apoio técnico e económico para por en marcha esta infraestrutura. Este proxecto, que ten un orzamento total de 3,3 millóns de euros, consistiría nun itinerario que atravesaría sete túneles e tres viaductos e comprendería as estacións de A Sionlla, Berdía, Oroso-Vilacid, Garga-Trasmonte, Ordes-Pontreaga, apeadoiro de Gorgullos-Tordoia e Queixas-Londoño. Trataríase da primeira vía deste tipo que se realizaría na provincia da Coruña e da maior en lonxitude de toda Galicia.

A Vía Verde Santiago-Cerceda suporá ademais unha alternativa segura para os ciclistas e sendeiristas, que evitarán circular polas marxes da estrada; así como para os peregrinos que transitan pola ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, que poderían percorrer parte da mesma atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias