El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

UNIVERSIDADE | USC

Presentada a aplicación móbil ADappTAUSC

29-11-2017 15:14:33
Acto de presentación da aplicación.

Santiago de Compostela.- ADappTAUSC é unha aplicación móbil, completamente de balde deseñada para identificar as infraestruturas e servizos con necesidades de adaptación na contorna do campus compostelá. A iniciativa do Grupo de Estudos sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (GREDDIS), a súa posta en marcha converterá aos seus potenciais usuarios con necesidades especiais en suxeitos activos na busca de solucións e na mellora do proceso de adaptación das infraestruturas da universidade compostelá. 

ADappTAUSC é un software que representa unha novidade mundial e que permite marcar con foto xeolocalizada e comentar ese lugares concretos, tanto polo seu valor positivo como negativo. “Non só estamos ante unha acción concreta ou ante a organización dunha grande auditoría dos problemas de adaptación da USC, estamos ante un cambio global de paradigma no que as persoas con problemas de mobilidade pasan de estar titorizadas a pilotar un proxecto: unha USC do século XXI, tamén neste eido”, sinalou o reitor Juan Viaño durante o acto de presentación da aplicación á comunidade universitaria. Xunto co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a presentación celebrouse nun acto na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito á que tamén asistiron o co coordinador do Grupo Greddis, José Julio Fernández; e a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez. 

Unha vez instalada a aplicación no móbil, o usuario poderá sinalizar aqueles espazos ou accesos da USC non adaptados a través dunha fotografía nun mapa, así como aqueles outros que representan unha mostra de boas prácticas en materia de adaptación ou accesibilidade. En ambos os dous casos e a través dun código de sinais en vermello ou verde, segundo sexa un lugar adaptando ou non, o usuario poderán ademais engadir un comentario que describa de xeito breve o problema detectado ou o carácter positivo da adaptación atopada. 

A finalidade de ADappTAUSC é elaborar unha auditoría ou informe que poña en coñecemento da administración as posibles deficiencias así como as iniciativas positivas no eido da accesibilidade sen barreiras. Viaño engadiu que a aplicación forma parte de todo un proxecto global e procesual de inclusión e adaptabilidade. Neste senso “a necesidade de articular novas acción para mellorar a inclusión das persoas con discapacidade é un feito patente na sociedade en xeral, e unha prioridade para a comunidade universitaria”. O reitor compostelán tamén asegurou que a USC aposta por esta iniciativa que persegue a inclusión co fin de procurar que o colectivo de persoas con discapacidade “acaden o maior grao de autonomía e independencia posible contando sempre cos apoios necesarios”.


GREDDIS

Esta nova aplicación é unha iniciativa do Grupo de Estudo sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (GREDDIS), grupo multidisciplinar que nace na procura de sumar vías de inclusión deste colectivo na ensinanza universitaria. Foi constituído en xullo de 2017 grazas á financiación do Consello Social da USC e está coordinado polos profesores da Facultade de Dereito José Julio Fernández Rodríguez e Luz Mª Ruibal Pereira. 

Entre as iniciativas levadas a cabo por GREDDIS figuran a elaboración dun informe dirixido á Xunta de Galicia sobre a necesidade de articular novas accións para a atención ás persoas con discapacidade (con especial atención ás solucións da tecnoloxía dixital) e o desenvolvemento dun estudo para coñecer a situación da adaptabilidade da USC a través dunha enquisa en liña, á que agora se suma ADappTAUSC. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias