El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Novembro rexistrou case a metade das precipitacións habituais

15-12-2017 13:53:16

Galicia viviu un mes de novembro moi seco, no que se rexistraron practicamente a metade das precipitacións habituais da serie histórica. Esta é unha das principais conclusións do informe climatolóxico publicado por Meteogalicia, no que tamén se indica que o mes pasado caracterizouse por unha temperatura media que se mantivo dentro dos valores normais para esta época do ano, aínda que con máximas lixeiramente superiores e mínimas tamén por debaixo do agardado.

As precipitacións en xeral foron inferiores ao habitual no conxunto da comunidade, ata o punto de que se rexistrou un 48% menos de auga do que cabería esperar para este mes. O comportamento da chuvia, segundo conclúe o informe, foi un tanto anómalo, xa que estivo moi concentrada en dous episodios concretos a principios de mes e na penúltima semana.

A única zona na que choveu por riba do esperado foi a Mariña luguesa; e nalgúns puntos da provincia de Ourense tamén se acadaron valores próximos á normalidade.


Temperaturas medias

Polo que respecta ás temperaturas medias rexistradas, no conxunto de Galicia estiveron marcadas por unha tónica de normalidade. O aspectos máis salientable foron as anomalías positivas detectadas nas temperaturas máximas e as negativas nas mínimas, o que contribuíu a equilibrar as medias, ata situalas en valores moi próximos aos habituais.

En comparación co período climático de referencia (1981-2010), o valor medio das temperaturas máximas situouse en 13,7ºC, 0,47ºC por riba da media histórica. A desviación polo que respecta ás temperaturas mínimas foi máis significativa, ao situarse a media nos 5ºC, é dicir, 1,35ºC por debaixo do valor medio para novembro.

Esta situación debeuse en parte aos numerosos días nos que se rexistrou unha forte inversión térmica na Comunidade, con situacións de frío nas madrugadas e en cambio temperaturas elevadas durante o día, sobre todo, durante a primeira quincena do mes. Este comportamento xeral das temperaturas pode explicarse pola presenza de moitos períodos anticiclónicos ao longo do mes, caracterizados por noites longas e de ceos despexados.

En todo caso, houbo zonas que se desmarcaron desta tendencia xeral. Así, mentres nas zonas de alta montaña de Lugo e Ourense as máximas se aproximaron aos 6ºC, nalgúns puntos da ría de Vigo e Baixo Miño rozaron os 18ºC. Pola contra, as mínimas máis baixas rexistráronse nas comarcas da Limia e Verín, con valores que mesmo se situaron por debaixo dos 0ºC, mentres que na de Vigo e no Morrazo, aproximáronse aos 12,5ºC.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias