El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación impulsa o proxecto da Vía Verde Santiago-Cerceda

29-12-2017 18:47:10
Proxecto da Vía Verde Santiago-Cerceda.

A Coruña.- A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe o primeiro paso para que a Vía Verde Santiago-Cerceda comece a ser unha realidade.

“Este é o xerme dun proxecto importante, o inicio dun camiño porque o compromiso da Deputación é a realización das obras”, afirmou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que hoxe asinou cos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Oroso, Manuel Mirás; Ordes, José Manuel Martínez; Tordoia, Antonio Pereiro e Cerceda, José García Liñares, o convenio de colaboración para a redacción do proxecto de construción da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 36,5 quilómetros de lonxitude que discorrerá sobre as antigas vías do ferrocarril destes cinco concellos coruñeses. O acto contou tamén coa asistencia da vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e dos deputados provinciais Antonio Leira e Manuel Dios.

No documento asinado hoxe, a institución provincial compromete un investimento de 32.000 euros, o 80% do custe total da elaboración do proxecto, mentres que os concellos de Santiago, Oroso, Ordes e Tordoia achegarán o 20% restante, con aportacións que oscilan entre os 1.915 € e os 1.070 €.

González Formoso destacou que a Deputación “ten un papel claro cómo aglutinador e coordinador das accións dos concellos” encamiñadas á recuperación e impulso a este ambicioso proxecto, que comezou en 2008 como unha idea para unir os concellos de Santiago, Oroso e Ordes, e que máis tarde se estendeu tamén a Tordoia e Cerceda, polo que a súa construción suporía a posta en marcha da maior Vía Verde de Galicia.

“Unha das primeiras cuestións que me plantexou o alcalde de Santiago ao inicio do mandato foi a reactivación da Vía Verde”, lembrou o presidente da Deputación, que destacou “a ilusión” que xera un proxecto “que ten todo o sentido do mundo” pola importante repercusión turística e socioeconómica que terá para os cinco concellos que atravesa e que servirá ademáis como elemento vertebrador do territorio, ao conectar os núcleos rurais polos que discorre.


Aposta pola mobilidade sostible

González Formoso enmarcou a reactivación da Vía Verde Santiago-Cerceda “na importante aposta que esta Deputación, dende os departamentos de Vías e Obras e Medio Ambiente, está a facer por promover a mobilidade sostible na provincia”.

Neste sentido, lembrou que avanza a bó ritmo o proxecto da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, que supón a conexión dos cinco concellos da área con sendas ciclables cun investimento de 3,6 millóns de euros e que a institución provincial vén de anunciar que busca financiamento europeo para ampliar a rede a outros concellos da área coruñesa como Abegondo, Bergondo e Carral e crear carrís bici que conecten distintos faros coruñeses cos seus núcleos de poboación.


Satisfacción dos alcaldes pola recuperación do proxecto

Pola súa banda, os alcaldes tamén expresaron a súa satisfacción pola posta en marcha dun proxecto que suporá “recuperar a rede ferroviaria abandonada, dándolle unha nova dimensión ecolóxica e sostible, que deberemos tecer entre varios concellos”, apuntou o alcalde compostelán, Martiño Noriega.

Pola súa banda o alcalde de Ordes, José Manuel Martínez, considerou que a infraestrutura “será un referente para a provincia da Coruña”, mentres que o rexedor de Tordoia manifestou o seu desexo de que as obras podan estar executándose “en pouco tempo”.

Manuel Mirás, alcalde de Oroso, considerou o convenio de hoxe “un avance importante e un primeiro paso para un proxecto moi ambicioso”, orientado a ser “un acicate turístico” para os municipios da área de Compostela.

O alcalde de Cerceda, José García Liñares, tamén destacou a importancia deste impulso ao proxecto e expresou o su desexo de que “de hoxe nun ano esteamos asinando o convenio para as obras”. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias