El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Sogama licita a xestión integral da súa red de plantas de transferencia

19-01-2018 12:05:05

Sogama licita, por un importe de 24.308.100 euros (máis IVE), a xestión integral da súa rede de plantas de transferencia, conformada á súa vez por unha vintena de instalacións estratexicamente ubicadas en distintos puntos da xeografía galega. Deste total, 23.184.000 euros corresponden á xestión propiamente dita e 1.124.100 euros a investimentos. 

O contrato, a formalizar inicialmente por un período de tres anos, poderá ser prorrogado ata un máximo de cinco, establecéndose igualmente unha prórroga excepcional que, en todo caso, non poderá ser superior a unha anualidade. 

A principal función das plantas de transferencia é solventar esa dificultade loxística que supón a elevada dispersión da poboación galega, garantindo que Sogama poida prestar un servizo de calidade a todos os municipios adscritos ao seu modelo, con independencia das súas características e situación xeográfica. 

Estas infraestruturas son utilizadas polas localidades limítrofes e serven como nódulo de transvase dos residuos recollidos polos camións municipais a contedores de maior capacidade (40-43 metros cúbicos aproximadamente), aptos para ser transportados, por estrada ou tren, e nas mellores condicións medioambientais e de seguridade, ata o centro de tratamento de Cerceda, onde os refugallos reciben unha correcta xestión. 

A firme aposta da compañía pública polo ferrocarril como medio de transporte preferente dadas as súas vantaxes no ámbito da sostibilidade, fixo posible que, a día de hoxe, o 45% dos residuos procedentes das plantas de transferencia xa se trasladen por tren, confiando en chegar ao 55% este mesmo ano. 

Cabe recordar que nestas instalacións non ten lugar operación algunha de almacenamento ou tratamento de lixo, pero, aínda así, contan coas medidas medioambientais máis esixentes de cara a propiciar unha operativa respectuosa coa protección da contorna. 

Ademais dos labores propios de operación, mantemento e limpeza, o contrato inclúe unha serie de melloras na rede de plantas de transferencia concernentes ao reemprazo dos equipos informáticos, sistemas de depuración, acondicionamento xeral das instalacións e determinadas accións medioambientais cuxo fin último é garantir o óptimo funcionamento das mesmas. 


Garantías

A fin de asegurar que o contrato se cumpra en todos os seus termos, o prego contempla unha serie de garantías técnicas e penalizacións que serán de aplicación no caso de que a prestación do mesmo non se axuste aos requisitos establecidos. Así, as garantías afectan, entre outras cuestións, á transferencia de residuos dentro do horario estipulado, á optimización do enchido dos contedores, ao cumprimento das esixencias na expedición dos mesmos, ao mantemento legal e ordinario das instalacións, ao almacenamento de produtos químicos e residuos xerados, á limpeza e estado de vexetación da parcela, á transmisión diaria de datos de pesaxe e peche mensual das toneladas xestionadas, ao ámbito da prevención dos riscos laborais, ao correcto funcionamento das depuradoras e aos consumos de auga.


Relación de plantas de transferencia

A distribución da rede de plantas de transferencia é a seguinte: Corcubión, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela e Ortigueira, na provincia da Coruña; Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria e Becerreá, na de Lugo; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda, na de Pontevedra; e Ourense (San Cibrao das Viñas) e a Rúa, na provincia de Ourense. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias