El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

UNIVERSIDADE | VIGO

Aprázase ata o mércores 24 a votación do anteproxecto de Estatutos

19-01-2018 18:50:32

Vigo.- A aprobación dos Estatutos da Universidade de Vigo require o voto positivo dos dous terzos dos claustrais presentes, sempre que o número destes sexa igual ou superior á metade dos membros do Claustro. Do total dos claustrais, 192 na actualidade, asistiron á sesión 88 persoas. A ausencia de oito representantes impediu acadar o número preciso de asistentes para dar validez ao resultado da votación do proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo e obriga á convocatoria dunha nova sesión extraordinaria o mércores 24 de xaneiro.

“Quedamos ás portas de poder aprobar os Estatutos”, lamentou o reitor, Salustiano Mato, nada máis dar por finalizada a sesión. “Era comprensible que hoxe fixeramos a votación para buscar quórum cualificado, pois onte rematamos o debate moi tarde e era difícil manter a asistencia inicial. Hoxe tardamos só media hora en chegar ao quórum necesario para continuar a sesión, 64 persoas, e confiabamos en que no tempo da votación se chegaría ao quórum cualificado, pero non foi así por oito persoas, polo que hai que repetir a sesión”, recalcou Mato, quen, pese a todo, valorou moi positivamente os resultados acadados na votación do anteproxecto: 79 votos a favor (89,7%); cinco en branco; 2 en contra e 2 abstencións.

“Quizais a existencia dun acordo tan grande con respecto ao anteproxecto de Estatutos sexa, en certa medida, desmotivador”, subliñou Mato, quen destacou que a nova Carta Magna conta cun forte aval de todas as sensibilidades e formas de ver a Universidade e, polo tanto, “aquí o que se pon de manifesto é a falla de compromiso dalgunhas persoas que foron elixidas para estar aquí e que non exercen esta responsabilidade”.


Mato solicita a todos os claustrais que exerzan a súa responsabilidade

Ao final da sesión o reitor quixo agradecer o compromiso das persoas que asistiron a sesión do Claustro celebrada nestes dous días e denunciou a falta de compromiso das persoas que, tendo sido elixidas como representantes dun sector da comunidade universitaria, non participa neste órgano, non asiste e mesmo non xustifica a súa ausencia. “Sabiamos que había 20 persoas que por razón importantes non podían asistir, algo que entra dentro da normalidade, pero non pensamos que a porcentaxe de ausencias fose tan ampla”, recalcou Mato, quen aproveitou tamén para facer unha chamada a todos os claustrais para que exerzan a súa responsabilidade ou, de non podelo facer por causa xustificada, o comuniquen da forma axeitada.

Especialmente “preocupante” resulta, segundo recalcou Mato, a falta de asistencia entre o colectivo de alumnado, sector ao que, cos Estatutos actuais, se reserva o 30% da composición total do Claustro. “Na actualidade son claustrais 32 estudantes e só asistiron á sesión de votación 4, unha porcentaxe terriblemente baixa”, subliñou o reitor.

O maior compromiso amosouno o sector do Persoal de Administración e Servizos, 16 de 26 (61,5% de participación dentro do seu sector); seguido do PDI A (profesorado doutor con vinculación permanente), asistindo á votación 64 persoas de 120 (53,3%). Unha porcentaxe de asistencia bastante menor foi a que se acadou entre o PDI-B (restante persoal docente e investigador), coa participación de 4 dos 14 representantes existentes (28,6%).


Un novo intento: mércores 24 ás 10.30 horas

A nova convocatoria da sesión extraordinaria do Claustro realizarase o mércores 24 de xaneiro realizarase para as 10.30 horas, de xeito que se facilite a asistencia dos claustrais do campus de Ourense, se ben, segundo explicou o reitor, neste caso non se abrirán as urnas ata que se acade o número de persoas necesarias para garantir a maioría cualificada necesaria para a aprobación do documento, neste caso 96 persoas. Departamento de comunicaión





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias