El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | ENSINO

A CIG-Ensino lanza unha campaña para esixir a restitución de dereitos do profesorado

22-01-2018 12:15:06
Suso Bermello (c, secretario nacional da CIG-Ensino.

Baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos”, a CIG-Ensino acaba de lanzar unha campaña de recollida de sinaturas co obxectivo de reclamar a restitución dos dereitos laborais e salariais perdidos nos últimos anos e de reivindicar unha mellora nas condicións de traballo do profesorado galego. Ao longo deste segundo trimestre, delegados e delegadas da central nacionalista visitarán todos os centros educativos do País para celebrar asembleas informativas e achegarlle ao profesorado os pregos de sinaturas que posteriormente lle serán entregados ao conselleiro de Educación e Cultura. A campaña, que tamén se pode apoiar dixitalmente a través da web do sindicato www.cig-ensino.gal, supón unha continuidade ao traballo realizado desde o inicio dos recortes, tanto en materia laboral como na loita contra a LOMCE. 


Estatuto da Función Pública Docente

Entre as principais reclamacións está a creación dun Estatuto da Función Pública Docente, que debe responder a unha negociación real sobre as condicións laborais nas que desenvolve o seu traballo o persoal docente galego. Precisamente a campaña posta en marcha esta semana fai fincapé nas cuestións máis urxentes e prioritarias que teñen que formar parte desa negociación e que foron presentadas publicamente polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, esta mañá en Compostela. 

Bermello estivo acompañado dos responsábeis de Acción Sindical, Diego Boquete, Educación Primaria, Teresa Carballido e Secundaria, Laura Arrojo. Na súa intervención referiuse á necesidade de recuperar a contía integra do soldo e das pagas extras que percibe este colectivo e cifrou en 55.000 euros a perda de poder adquisitivo acumulada desde 2010, no caso dunha persoa pertencente ao corpo de Secundaria cunha antigüidade de 30 anos de servizo. Tamén clamou contra os descontos que penalizan a enfermidade e o aumento das tarefas burocráticas nos centros que fan que o profesorado non se poida centrar no realmente importante que é o traballo nas clases. 

Neste sentido, Bermello insistiu en que “a garantía da calidade educativa vén da man dunha redución de rateos nas aulas, que permita atender correctamente o alumnado, a volta ás xornadas lectivas de 18 e 21 horas en secundaria e primaria respectivamente, así como ofertas amplas de emprego que non esquezan a necesidade de estabilidade do persoal interino e que permitan cubrir as necesidades dos centros. Bermello fixo especial fincapé nas carencias existentes na atención á diversidade e ás necesidades específicas de apoio educativo. Neste sentido, lembrou que a CIG-Ensino vén de reclamar que a Consellaría oferte 256 prazas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe a maiores das que saen este ano no Concurso de Traslados de Primaria para conseguir este obxectivo.

Afondando en cuestións de actualidade, indicou que hai máis de 1.200 docentes funcionarios e funcionarias que están á espera de obter o seu primeiro destino definitivo -algúns levan máis de 10 anos en expectativa-, e que a proposta da CIG-Ensino vai na liña de diminuír esta temporalidade até máximo os dous anos posteriores a aprobar a oposición.

Por último, tamén se referiu á LOMCE, “unha lei máis propia do fraquismo que dun país democrático” que desvaloriza o traballo do profesorado e que quere impedir a xestión democrática dos centros educativos. Neste sentido, recalcou a necesidade de que se paralice a súa aplicación e que Galiza poida exercer as súas competencias para levar a cabo unha Lei Galega de Educación na que, entre outras cuestións, se protexa e impulse o uso do galego como lingua vehicular no ensino. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias