El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación anima aos concellos a programar espectáculos que promoven o uso do galego

08-02-2018 14:42:46
Lingua á Escena ofrece trece propostas de teatro.

A Coruña.- Os concellos poderán solicitar até o vindeiro 20 de febreiro os espectáculos da Rede Cultural da Deputación da Cultura que se inclúen nesta edición dentro do programa “Lingua á Escena” destinado  promover o uso do galego. Desde a Deputación da Coruña animan aos concellos a ofrecer na súa programación os trece espectáculos do catálogo deste novo programa.  

“Lingua á escena” é unha das novidades da Rede Cultural que neste ano  2018 conta cun orzamento que supera os dous millóns de euros. OS concellos teñen desde o 7 até o 20 de febreiro para se sumar aos distintos programas do circuíto cultural da Deputación da Coruña que, por vez primeira, ofrece un catálogo de propostas que teñen como obxectivo prioritario a normalización da lingua galega desde propostas culturais. 

“Desde a área de Normalización Lingüística e Cultura queremos animar os concellos a solicitar os espectáculos de “Lingua á escena”, unha iniciativa que quere contribuír á dinamización da nosa lingua desde propostas culturais que van máis alá de se expresaren en galego. Quixemos que o tema central sexa precisamente a promoción da nosa lingua e a eliminación de prexuízos, que tanta falta fai”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. 

Entre os proxectos teatrais do programa, que é protagonista da maior parte das propostas, “Falar por Falar” de Tintimán Audiovisual, levará ata os escenarios un relato autobiográfico no que un actor nado no medio rural e un dramaturgo de orixe urbana confrontan as súas visión arredor da lingua galega. Carlos Santiago e Pepe Penabade desafían a realidade actual da nosa lingua nunha viaxe libre, sen prexuízos e sen idealizacións. 

Co espectáculo de humor “Falar sen Cancelas” de Culturactiva SCG, os cómicos Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco, achégannos unha aloucada comedia onde os seus protagonistas son vítimas dun virus que lles impide falar en galego en público. Dirixida por Diego Rey, a retranca, as improvisacións e as continúas cómicas reflexións sobre a galeguidade son os ingredientes principais desta obra onde as gargalladas están aseguradas.  

A perda da fala tamén é o argumento de “Un bico para Alí” ( Fabaloba), quen presenta unha peza na que a nena Alí perde a capacidade de falar na nosa lingua. Non obstante, e grazas aos xogos, as historias e as cancións dos seus compañeiros, voltará a encher o seu saco de palabras e recuperalo tesouro perdido. Así mesmo, Luís Prego e Fabaloba únense para levar a cabo “ A casa encantada de Alí”, unha representación contada, cantada e pintada, que  achega un xeito didáctico aos nenos e as nenas unha grande cantidade de recursos cos aproximarse á lingua. 

Tamén por partida dobre, a compañía teatral Talía bota man da comedia para abordar as distintas posicións existentes respecto da lingua galega con “Bicos con Lingua” e “Pelos na Lingua”. Dúas interpretacións destinadas a todo os públicos (galegofalantes, non galegofalantes, defensores do inglés como lingua universal…), nas que o humor actuará de fío condutor para aportar un enfoque divertido e diferente sobre os usos e abusos do galego. 

Destinada ao público infantil, “As aventuras de Gale” de Celtia Figueiras somerxe aos máis pequenos nunha historia chea de aventuras e desventuras nos que se proxecta a grande riqueza que supón contar con música, poemas e libros en galego. 

Pola súa parte, a compañía Quinquilláns Teatro presenta “Language Planning”, unha representación onde os conflitos que rodean ao ámbito lingüístico son enfrontados dende a ironía e o disparate, para acadar a supervivencia da lingua. 

Malia o destacado peso que ten o teatro nas propostas de Lingua á Escena’2018, a poesía e a música tamén terá presenza nesta edición coa participación do dúo Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado). Ambas poetas desenvolven o espectáculo “Cría fame e bótate a correr”,onde a lírica é empregada como elemento dinamizador da da lingua na procura de favorecer a vivencia positiva do noso idioma propio. 

O novo programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña contempla tamén un espectáculo de Ilusionismo con “Lingua do País” e “Laretando nas Lareiras” do mago Martín Camiña xunto con Fani Triana no segundo. Trátase de dous espectáculos máxico-lingüísticos, en que mesmo lle piden explicacións a Google pola utilización dos topónimos deturpados e enfeitizan ao público con asombrosas ilusión con cartas, cordas ou efectos de mentalismo. 

Sen saír do mundo da prestidixitación, o mago Richard presenta “Memoria dun mago galego”. Unha función baseada na historia real deste mago, que por medio da ilusión vai describindo a súa evolución no emprego da lingua galega, para rematar falando das vantaxes que esta ten.   

Outras da actividades culturais integradas nesta primeira edición de Lingua á Escena é “Música e lingua, repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nel” do grupo decano do Rock Galego, Zenzar. Dividida en dúas partes, esta iniciativa aborda en por medio dunha video-charla ao rock galego como elemento dinamizador da lingua na nosa cultura ao tempo que presenta unha análise do papel musical das mulleres no eido musical galego. A segunda das actividades programadas será un concerto de Zenzar na que se poderán escoitar algún das pezas dunha formación que leva 30 anos no panorama musical galego. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias