A Asociación Galega Terra e Leite presentou a memoria
sobre as conclusións e propostas recollidas durante a xornada “Propostas
para o sector lácteo galego do futuro”, celebrada o pasado decembro de
2017 na sede da Fundación Juana de Vega. Un documento baseado na recompilación
das conclusións máis salientables e as 21 propostas que se rexistraron durante
as xornadas, e que se desgranou nunha comparecencia á que asistiron o
presidente da Asociación Galega Terra e Leite, Xosé Turnes Paredes; o
secretario da asociación e profesor da Universidade da Coruña, José Manuel
Andrade Calvo; o doutor en produción leiteira e investigación, César Resch Zafra,
e Xusto Sánchez, gandeiroe membro da xunta directiva da asociación.
O documento contén unha gran lista de propostas para
facer fronte a desafíos como a
volatilidade dos prezos nos mercados internacionais, a ampliación da
base territorial das explotacións ou a modificación da política agraria
comunitaria. Como proposta xeral, destacouse a necesidade de elaborar un plan
estratéxico para o sector lácteo galego, liderado pola Xunta de Galicia
contando coa implicación e o compromiso de todos os axentes involucrados na
cadea de valor. Neste documento explícase como ese plan debe comprender medidas
coherentes para o fortalecemento dos tres niveis da cadea de valor do sector:
produción, industria e distribución, ademais de recursos orientados a unha
verdadeira e efectiva organización da cadea láctea.
“A produción en Galicia é moi potente, pero ten
debilidades como as eivas no tecido industrial ou moitos déficits no canal de
distribución”, sinalaba Turnes, para admitir que se ben “sabemos que cambiar as
cousas é moi complicado”, urxe recuperar o peso político que tiña o sector
leiteiro, así como ocupar o lugar que lle corresponde neste ámbito tendo en
conta que constitúe o 1,85% da riqueza en Galicia, por enriba do sector
forestal, duplicando o téxtil e moi próximo á industria do automóbil”. Datos
aportados por José Manuel Andrade, que máis aló dos balances económicos,
destacaba o impacto do leite en aspectos como o mantemento da superficie
agraria en moitas comarcas de Galicia, onde precisamente o sector lácteo é a
base do sostemento económico e demográfico. Como debilidades Andrade citaba a
escasa dimensión de base territorial das explotacións, o que as fai moi
dependentes, con 8 hectáreas de media fronte ás 16 de territorios como Asturias
ou Cantabria, ou as máis de 50 Has de Francia ou Alemaña.
Tamén estima preocupante o peche das explotacións, que
noutros países estase a paliar con plans para vinculalas a non familiares da
propiedade, de xeito que non quede abandonado todo ese investimento en
maquinaria e equipamentos. Outra constante é a vulnerabilidade do sector en
Galicia á volatilidade dos prezos, alimentada por unha política de cotas que
rachou o equilibrio na produción e tirou os prezos.
Así as cousas, a asociación nas súas conclusións
considera necesario tomar medidas para a revalorización do leite envasado, para
a diversificación da produción industrial cara á elaboración doutros produtos
frescos, queixos e outros produtos industriais, así como un aumento da
capacidade de regulamento en produtos industriais e a capacidade exportadora do
sector.José Manuel Andrade, manifestou tamén a necesidade de orientar os apoios
públicos a aquelas industrias viables e a o desenvolvemento de novos produtos e
acceso a novos mercados. Asemade reclamou accións de política industrial
orientadas a captar investimento privado para a implantación en Galicia de
proxectos industriais, tal e como se fai por exemplo no sector naval ou no do
automóbil.
“Na maioría de casos non fan falla grandes investimentos senón
utilizar o sentido común e elaborar un
plan estratéxico común e compartido por todos”, afirmou Xosé Turnes, presidente
da asociación, que reclama un pacto de estado que equipare o peso do leite ao
seu papel estratéxico. Departamento de comunicación