El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

IV CONVENCIÓN ANUAL DE ABANCA

Escotet: "Superamos os obxectivos que nos marcamos no Plan 2014-17"

23-02-2018 20:53:19
IV Convención Anual da entidade.

A Coruña.- Máis de 4.000 empregadas e empregados acudiron hoxe á IV Convención Anual de ABANCA, celebrada no Coliseum da Coruña baixo o título de ‘Xuntos mellor’. O encontro, que contou coas intervencións do presidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, o director xeral de Negocio España, Luis Beraza, e o director xeral de ABANCA Seguros, Álvaro García Diéguez, serviu para facer balance do Plan Estratéxico 2014-2017 e dar comezo oficial a unha nova etapa, para a cal ABANCA fixouse como claves estratéxicas a transformación da entidade, a experiencia do cliente e a rendibilidade recorrente.

A IV Convención Anual do Grupo ABANCA reuniu a profesionais da rede comercial, dos servizos centrais e das divisións de crédito ao consumo, seguros e inmobles de España, Portugal, Alemaña, Suíza, Reino Unido e Francia.


Cumprimento do Plan 2014-2017

O presidente Juan Carlos Escotet Rodríguez iniciou as intervencións cun resumo dos avances organizativos e de xestión logrados pola entidade desde o seu nacemento en 2014. "Superamos os obxectivos que nos marcamos no Plan 2014-17 en rendibilidade, crecemento do negocio, capital, calidade da carteira e satisfacción do cliente", resumiu.

Segundo explicou, o éxito no cumprimento destas metas permitiu á entidade ser líder do sistema financeiro español en crecemento da marxe de intereses, así como gañar cota de mercado en crédito (+23 pb), captación particulares (+16 pb), fondos de investimento (+65 pb), seguros de vida (+112 pb) e non vida (+26 pb), e plans de pensións (+15 pb).

Ademais, destacou, ABANCA construíu "un balance san e unha posición de liquidez moi cómoda que nos sitúan entre as entidades con menor risco problemático e con maior porcentaxe de crédito sobre depósitos. Isto significa que estamos a crecer sobre unhas bases sólidas".


Novo escenario

Na súa intervención, o presidente de ABANCA referiuse aos tipos negativos, "que seguirán vixentes previsiblemente ata 2019", á nova regulación, "que vai pór o foco nas necesidades de capital e no poder do cliente", e á presión competitiva dos disruptores, "que modificará o escenario competitivo e impactará en toda a cadea de valor", como os factores que máis van afectar á actividade das entidades financeiras.

Fronte a estes retos, o presidente de ABANCA avogou por traballar nos ámbitos do coñecemento do cliente a través do big data, a experiencia homoxénea do cliente en todas as canles do banco, a apificación tecnolóxica para ofrecer solucións cada vez máis potentes e a cultura de innovación como unha actitude estendida a toda a organización. A entidade espera chegar ao fin do trienio 2018-2020 cun ROTE próximo ao 10%, unha morosidade inferior ao 3%, un capital CET1 superior ao 13% e un volume de negocio por encima dos 75.000 millóns de euros.

Juan Carlos Escotet Rodríguez puxo de manifesto así mesmo a importancia da responsabilidade social corporativa no proxecto de ABANCA. A entidade, que dedicou 30 millóns de euros a investimento social desde 2014, achegará este ano 11 millóns a Afundación.


Prioridades de negocio

Pola súa banda, o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, eloxiou a "moi boa evolución" da entidade desde 2014, e debullou as diferentes prioridades de negocio e os proxectos que se desenvolverán para dar cumprimento ás claves estratéxicas definidas ata 2020.

Para mellorar a rendibilidade recorrente, Francisco Botas indicou que os seguros serán un negocio crave durante o próximo trienio: "deben ser parte do ADN do banco", subliñou. Anunciou que a entidade ten previsto, entre outras iniciativas, ampliar a oferta de produtos e servizos, especialmente para empresas; impulsar novas funcionalidades de seguros en banca móbil e establecer "alianzas estratéxicas que garantan unha oferta competitiva e unha mellor experiencia de cliente".

Ademais, o conselleiro delegado de ABANCA apuntou que a entidade seguirá impulsando a concesión de crédito a segmentos ‘micro’ (micropemes, pemes, comercios, autónomos) e o consumo, con especial foco no negocio de tarxetas de crédito e no financiamento no punto de venda.


Transformación e tecnoloxía

Respecto da experiencia de cliente, Francisco Botas asegurou que ABANCA avanzará durante os próximos anos na onmicanalidade para "construír relacións co cliente a través de calquera canle, en calquera momento e lugar" e na xestión e análise de datos "para darlle resposta a todas as súas necesidades financeiras e de servizos de valor".

Por último, o conselleiro delegado referiuse á transformación da entidade como "o reto máis importante que temos por diante para os próximos anos". "Temos que cambiar organizativa e culturalmente e facelo de forma rápida para adaptarnos a todos os cambios dunha contorna cada vez máis complexa e dixital", afirmou. Neste sentido, defendeu unha "dixitalización eficiente para simplificar procesos e mellorar en eficiencia" e avogou por "seguir impulsando a innovación a todos os niveis da organización e de maneira transversal". Para acometer este reto, Francisco Botas asegurou que "a entidade conta co seu principal activo, o equipo humano".

O evento foi conducido polos actores Javier Veiga e Marta Hazas e incluíu a intervención do emprendedor e tecnólogo arxentino Santiago Bilinkis, quen ofreceu aos asistentes unha conferencia sobre o cambio nas organizacións. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias