Santiago.- Antonio López presentou hoxe a súa candidatura a Reitor no Rexistro Xeral da USC, acompañado da profesora Mar Lorenzo e o profesor Gumersindo Feijóo. O profesor Antonio López sinalou que se presenta como candidato despois de escoitar as demandas e propostas da comunidade universitaria, e que o obxectivo da súa candidatura é dar resposta ás mesmas. Despois de visitar todos os centros da universidade e reunirse con máis de 700 profesores, alumnos e PAS, Antonio López sinalou que “ten diagnosticado a presenza de tres crises na USC: unha crise económico-financeira, unha crise democrática e unha crise de ilusión”, e engadiu que “a xestión do actual Reitor conduciu a Universidade a unha perda de relevancia tanto na súa proxección social como dentro do sistema universitario”. É imprescindible corrixir ese rumbo se se quere que a USC recupere o seu liderado. De feito, recuperar a autonomía universitaria é o primeiro dos tres obxectivos que se propón Antonio López, xunto con saír da pobreza funcional na que se ten instalado na USC e recobrar a ilusión. Para lograr estes obxectivos, o candidato a Reitor propón recuperar o protagonismo dos órganos de goberno da USC, acadar un modelo financeiro alternativo ao actual modelo de austeridade, que nos levou a ser a irmá pobre do SUG, e devolver á USC e ao seu persoal a vocación de crecer en todos os ámbitos. “Unha universidade que renuncia a crecer en estudantes, que reduce e precariza o seu persoal e que non aspira a novos programas, é unha universidade que condena o seu futuro”, e esa é para Antonio López a universidade que ten impulsado o actual equipo reitoral. O candidato sinalou que despois da Semana Santa presentará un programa de propostas encamiñadas a corrixir estes erros e a cambiar radicalmente o actual camiño da USC. A nosa proposta -dixo- “non é un mero cambio de matiz; queremos unha universidade radicalmente diferente á que temos agora e que recupere o liderado que lle corresponde”. Departamento de comunicación