El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Don Juan Carlos, Embaixador de Honor do Camiño de Santiago

23-03-2018 17:50:37
Núñez Feijóo (i) e Don Juan Carlos.

Intervención do presidente da Xunta, Núñez Feijóo no nomeamento como Embaixador de Honor do Camiño de Santiago da Súa Maxestade o Rei Don Juan Carlos:Alguén podería pensar que esta distinción da Súa Maxestade o Rei Don Juan Carlos como Embaixador de Honor do Camiño de Santiago, é redundante. En parte é así, porque Don Juan Carlos foi e segue sendo o mellor mensaxeiro da Ruta Xacobea e os seus valores. Ninguén como el sabe transmitir o que implica esta tradición sempre actualizada que sintetiza os mellores valores de Galicia, España e Europa. Ninguén entende mellor que el que a nosa terra é a proa dunha nave que suca a historia cunha bagaxe de ideas de valor universal.

Don Juan Carlos xa é o noso embaixador. Porén, é oportuno subliñalo no ano que celebramos o XXV aniversario da Declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade, e nun tempo onde o proxecto europeísta sofre un deses vaivéns que sinalizan a súa existencia.

O Camiño é sinónimo de Europa, e Europa é unha paixón permanente do Rei Don Juan Carlos.

Nun discurso afastado no tempo, pero próximo polo seu contido, pronunciado ante o Consello de Europa en 1979, A Súa Maxestade mencionaba a triloxía de valores europeos: humanismo, diversidade e universalidade.

Son valores que seguen plenamente vixentes e que fan de Europa un modelo admirado, pero que tamén suscitan receos nos inimigos da liberdade e o progreso.

Figuras como Don Juan Carlos reflicten na súa biografía o laborioso proceso que culmina na Unión Europea, e a achega do europeísmo ao fortalecemento da democracia española. ‘España es el problema; Europa, la solución’. Estas palabras de José Ortega y Gasset preñadas de clásico pesimismo, serían corrixidas pola transición democrática que tivo en Don Juan Carlos o seu principal valedor, patrocinador, protagonista e embaixador.

España tamén foi a solución, por máis que Europa fose o destino natural da democracia española.

Años despois desa data, A Súa Maxestade el Rey Don Juan Carlos recollía o Premio Carlomagno na mesma cidade onde un alongado avó seu era coroado emperador en 1520.

En Aquisgrán, á sombra do recordo de Carlos I de España e V de Alemaña, poñía de relevo algo que a estas alturas do século XXI pode verse como premonitorio. ‘Las monarquías -sinalaba Don Juan Carlos ante os principais mandatarios europeos- han sido artífices de esos grandes cuerpos que son las naciones, como decía Descartes, el avanzado intelectual de la Europa moderna; y si se mira bien, han refrenado y limitado el espíritu devastador e insolidario del nacionalismo’.

Corría o ano de 1982 e só unha década despois estouparía nun dos corazóns de Europa un conflito devastador.

Non existe, por fortuna, nada semellante nos nosos días, e no entanto a insolidariedade fomentada por nacionalismos exacerbados volve poñer en perigo o proxecto europeo e ameazou a propia democracia española.

No caso de España, a monarquía constitucional tan xustamente enxalzada no discurso de Aquisgrán non só reconcilia os españois consigo mesmos, senón que supón un freo democrático ante os dous intentos de golpe anticonstitucional que sufriu a nosa patria.

Juan Carlos I e Felipe VI fanse voceiros, en momentos críticos, dos españois que queremos vivir unha libertad sin ira, por empregar o coñecido retrouso dos primeiros anos de democracia.

Ao recoller o Premio Carlomagno, Don Juan Carlos mencionou a un español e galego que recibira antes o mesmo galardón: Salvador de Madariaga, un liberal que padeceu o exilio e se converteu en pioneiro da reconciliación e o europeísmo.

Posteriormente, como saben vostedes, Felipe González e Javier Solana uniríanse ao elenco de compatriotas distinguidos cun dos honores máis altos de Europa.

Pero antes de deixar Aquisgrán e volver a este antigo hospital construído por orde dos Reis Católicos, quero determe brevemente nunha pasaxe final do discurso europeísta da Súa Maxestade nesa cidade fronteiriza, unha pasaxe que sintetiza o gran logro da nosa transición democrática.

‘Por primera vez en mucho tiempo -cito A Súa Maxestade- creemos que los españoles pueden sentirse, sin restricciones, amigos’. Seguímolo sendo. 

A pesar dos intentos por reproducir as dúas Españas que angustiaban a Machado.A pesar de quen se senten incómodos en medio da fraternidade entre os españois e entre as comunidades de España, seguimos sendo amigos.

A inmensa maioría de compatriotas non quere tirar pola borda o que conseguimos entre todos. A veces contra vento e marea, por seguir con símiles mariñeiros que seguramente agradan Á Súa Maxestade, persiste un desexo compartido de estar xuntos e facer cousas xuntos. Un desexo que non se ve alterado polo sempre saudable debate social e político.

Quizais os galegos antes que os demais españois, e os españois antes que o resto dos europeos, aprendemos mellor que ninguén a conciliar unidade e diversidade.

O Camiño de Santiago ensínanos que unidade e diversidade se fortalecen mutuamente. Sen diversidade, a unidade é monotonía. Sen unidade, a diversidade é disgregación. O Camiño habitúanos a tratar co diferente, a recibilo sen rexeitamento e a aproveitar as súas achegas.

Os galegos somos unha feliz amalgama, perfectamente simbolizada nesa praza onde a espiritualidade, a sabedoría, a política e a hospitalidade se dan a man para recibir o peregrino.

Existen exemplos hoxe en día de intencións que foron boas nos seus inicios, pero que desembocaron en resultados nocivos.

É importante recuperar un xuízo sobre procesos, ideoloxías e persoas que valore inicios e resultados, intencións e consecuencias. Non é aceptable a actitude do que se sente libre de responsabilidades por acontecementos nefastos que contribuíu a desencadear. É importante proclamalo cando estamos en presenza de quen se empeñou en selar unha amizade entre españois que antes resultara difícil de lograr.

Polas súas intencións e polos seus resultados, Don Juan Carlos converteu a monarquía parlamentaria nunha casa común que trae do pasado o mellor da nosa historia e que permite albiscar o futuro sen inquedanza.

Seguindo os pasos dos seus antepasados recentes, tiveron unha visión xenerosa da institución que non a vincula a un monarca concreto, senón aos valores que atesoura. 

Maxestade, señoras e señores. Galicia leva no seu escudo a coroa. Ademais de representar un legado histórico, os galegos de hoxe tamén poden ver nela o íntimo vencello entre o seu autogoberno e a monarquía española.

A mesma monarquía que impulsa o Camiño, fai do galego unha das primeiras linguas cultas de Europa, ou constrúe este antigo hospital, apadriña máis tarde a Constitución e ampara as nosas institucións de autogoberno. Grazas á monarquía parlamentaria, os galegos deixan de ver pasar a historia para protagonizala.

Mediante as pontes que Don Juan Carlos constrúe, os galegos somos partícipes da España e da Europa comúns. Por iso sentímonos orgullosos de que se converta en Embaixador de Honor do Camiño de Santiago, e comparta con nós tantos momentos de lecer.

Somos un país de amigos. Un país de firme arboradura que sabe aproveitar o vento a favor. Parabéns Maxestade. Parabéns Embaixador vitalicio do Camiño. A distinción non é redundante, senón xusta e oportuna.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias