A
Fundación TIC da Deputación incrementará nun 60% o número de cursos e
obradoiros de novas tecnoloxías para maiores no segundo trimestre do ano, dos
que 12 se impartirán na provincia, segundo avanzou hoxe o Presidente da
Deputación, Darío Campos, durante a presentación da nova programación do
InLugo, na que estivo acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O prazo
de inscrición xa está aberto en www.fundaciontic.org, www.deputacionlugo.gal ou
chamando ao teléfono 982 225 186.
Campos
Conde subliñou que “como Alcalde dun Concello pequeno coñezo de primeira man a
utilidade das novas tecnoloxías na vida cotiá dos maiores que residen no rural
e as posibilidades que ofrece esta ferramenta nas súas relacións con familiares
e amigos. Por iso, este trimestre imos facer un esforzo especial para retomar
as actividades do InLugo na provincia. Nesta ocasión, serán 12 obradoiros, maioritariamente
de Internet e de uso do móbil, que son os máis demandados. A nosa vontade é
que, en función dos nosos recursos, cheguemos a toda a provincia en futuras
edicións”.
Máis de mil prazas
Entre
as novidades desta nova tempada, o Presidente da TIC destacou o importante
incremento de actividades. “Neste segundo trimestre haberá 81 cursos e
obradoiros, con 1.085 prazas, fronte aos 51 cursos e 713 prazas da edición
anterior, o que supón un incremento do 60%. Queremos dar resposta así á alta
demanda que hai destas actividades. De feito, vemos como en cada edición as
prazas se cobren nas primeiras horas de apertura de inscrición”.
Darío
Campos dixo que tamén se atenden as demandas dos usuarios coa incorporación de
novas materias, “como, por exemplo, un curso de Instagram, unha rede social que
está moi de moda e na que os maiores poderán compartir as súas fotos, ou outro
de Word que, por primeira vez, estará enfocado á Memoria Dixital, xa que os
participantes escribirán as súas propias historias e anécdotas, que se
engadirán a este banco de recordos”. Por outra banda, os cursos con máis
demanda, os de móbil, Internet e tablet, ampliarán o número de horas. Deste
xeito, os de móbil e Internet pararán a ser de 4 días, e do de tablet, de tres.
Tamén se incrementará o número de cursos de reforzo e os obradoiros de memoria. Departamento de comunicación