El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

BETANZOS

A Deputación organiza este sábado a II edición da Feira "Primavera no Camiño Inglés"

02-05-2018 17:02:24
Feira Primavera no Camiño Inglés.

A Deputación da Coruña volverá a converter Betanzos no epicentro do Camiño Inglés coa celebración, este sábado 5 de maio, dunha feira que reunirá por segunda vez aos dezaoito concellos coruñeses polos que discorre este itinerario xacobeo. Despois do éxito do ano pasado, a institución provincial volverá a reunir de novo aos municipios co obxectivo de dar a coñecer os seus múltiples atractivos turísticos, gastronómicos e artesanais. 

O evento, enmarcado na campaña “Primavera no Camiño Inglés”, foi presentado esta mañá na sede da institución provincial nun acto que contou coa participación do presidente, Valentín González Formoso, que destacou a aposta da Deputación nos últimos dous anos “para pór en valor un itinerario xacobeo singular, que discorre íntegramente pola provincia da Coruña e que ten un gran impacto tanto cultural como socioeconómico para os concellos polos que discorre”. 

Na presentación tamén estivo presente o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, Paula Cabaleiro, comisaria das actividades culturais que conforman o ciclo “Do camiño vivido”, Xosé López, da compañía Fuso Negro Teatro e Cristobal Ramírez, xornalista especializado no Camiño Inglés que impartirá diversas conferencias sobre as orixes e o impacto internacional desta ruta.


Betanzos, o epicentro do Camiño Inglés

Os actos comezarán este sábado, coa celebración na praza García Irmáns de Betanzos dunha feira na que cada un dos 18 concellos (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) contará cunha carpa propia na que exporán a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con diferentes actividades. 

Entre as actividades, levaranse a cabo sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, o pan e a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume, o viño da terra de Betanzos, as troitas de Oroso ou o pan de Carral. 

O evento contará tamén con actuacións de música e danza a cargo das agrupacións Rondalla “Chicas de Oro”, Grupo Azougue, “O Castro”, “O Rueiro de Tabeallo” e o “Cuarteto de Trasancos”. Ademais levarase a cabo a representación da obra de teatro “O Bululú nos camiños de Santiago” e haberá un taller de oleiría da aula da natureza e centro de interpretación do barro ‘Brañas da Valga’.


Ciclo de conferencias, xornadas participativas e actuacións teatrais

Dentro da aposta da Deputación da Coruña pola promoción do Camiño Inglés tamén se inclúe un ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia da ruta e os seus múltiples atractivos culturais, etnográficos e arquitectónicos, que correrán a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez. A primeira delas celebrarase no Salón Azul do Edificio Liceo de Betanzos este venres 4 de maio a partir das 20:00 horas. O xoves 10 de maio e o venres 11, celebraranse nos concellos de Neda e Fene, respectivamente. 

Pola súa banda, os concellos de Ordes (18-19 de maio), Narón (8-9 de xuño), Culleredo (15-16 de xuño) e Pontedeume (22 de xuño) acollerán as xornadas participativas de creación artística arredor do Camiño inglés “Do Camiño vivido”. Ademais, a actuación teatral “O Bululú nos Camiños de Santiago” da compañía Fuso Negro Teatro, levarase a cabo nos concellos de Oroso, Carral. Cambre e Neda. 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso reafirmouse no compromiso de seguir apostando polo Camiño Inglés. “Levamos varios anos de traballo conxunto cos dezaoito concellos implicados”, afirmou o presidente que destacou que este traballo está dando froitos a través dos proxectos impulsados pola institución provincial neste tempo para mellorar as infraestruturas do Camiño, dotar aos puntos máis singulares de códigos QR que permiten obter información nos dispositivos móbiles, levar o Camiño Inglés a algunhas das feiras de turismo máis importantes do país ou mellorar as fontes do Camiño a través do proxecto Life.


Homenaxe a Manuel Pérez Grueiro

Pola súa banda, Antonio Leira destacou a “crecente dimensión internacional do Camiño Inglés”, que o ano pasado percorreron máis de 11.300 peregrinos e anunciou que durante a feira do venres se tributará tamén unha homenaxe a un dos impulsores da recuperación e posta en valor desta ruta xacobea, Manuel Pérez Grueiro, que traballo como bibliotecario en Neda durante máis de tres décadas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias