El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

RAGC

Pilar Bermejo ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

09-05-2018 20:10:39
Pilar Bermejo Barrera.

Santiago.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Pilar Bermejo Barrera, catedrática de Química Analítica e decana da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se integra na Sección de Química e Xeoloxía da institución.

O discurso de ingreso da novo académica da RAGC titúlase “Importancia dos metais nas Ciencias da Vida: Especiacio?n de Elementos Traza e Metalo?mica” e nel explícase a importancia destes elementos e as novas disciplinas científicas que os tratan para ámbitos como a nutrición e a saúde, na abordaxe de doenzas de elevada prevalencia como as neurodexenerativas. Logo de pronuncialo, recibirá a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma seralle entregado polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño.

Ao acto asistiron, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo; a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, Covadonga Salgado; a xerente da Axencia do Coñecemento en Saúde, Beatriz Allegue; o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez; e o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios.

Bermejo (Santiago de Compostela) é catedrática de Química Analítica na USC desde 1991. Logo de exercer como directora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía e como vicedecana, na actualidade é decana da Facultade de Química da USC. Coordinadora do programa piloto do Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS) na área de Química e do Programa Erasmus desde o ano 1992 ata a actualidade, ademais do programa de intercambio para estudantes de ciencias con alumnos de universidades de Estados Unidos y Canadá (TASSEP). Tamén é membro da Rede Europea Temática de Química (ECTN).

No ámbito científico, é directora do Grupo de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE), que ten como principais liñas de traballo o desenvolvemento de metodoloxías analíticas para a especiación de elementos traza e os estudos de biodispoñibilidade destes en todo tipo de mostras biolóxicas, alimentos e mostras ambientais e de interese industrial, así como estudos no campo da metalómica e a metaloproteómica. No seu grupo desenvólvense tamén novos métodos para o tratamento da mostra usando polímeros de impresión molecular e iónica, así como nanopartículas metálicas. Nos últimos anos, incorporaron unha nova liña de traballo de desenvolvemento de plataformas nanometrolóxicas para o control das nanopartículas en diferentes medios.

Bermejo publicou máis de 300 traballos de investigación e leva dirixidas 38 teses doutorais e 130 proxectos de fin de carreira e teses de mestrado. É membro da Royal  Society of Chemistry do Reino Unido, da American Chemical Society, da Real Sociedade Española de Química, da Sociedade Española de Química Analítica, da Sociedade Española de Medicina do Laboratorio, da Sociedade de Espectroscopia Aplicada e da Federation European Societies on Trace Elements and Minerals. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias