El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Teresa Antequera
Juan Saravia
Nacional

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A Xunta homenaxea a María Victoria Moreno o 17 de maio en Pontevedra

15-05-2018 19:05:47
Acto conmemorativo do Día das Letras Galegas

O día grande das Letras Galegas, o 17 de maio, a Xunta de Galicia renderalle homenaxe a María Victoria Moreno cun acto institucional que terá lugar no IES Torrente Ballester de Pontevedra, onde a escritora exerceu a docencia durante anos e ata a súa xubilación.

A música e a obra da autora serán o fío condutor dun acto que estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e que contará coa participación da familia da homenaxeada. A neta de María Victoria Moreno lerá un poema da escritora, da obra Elexías de luz. A filla da autora, Begoña Llácer Moreno, tamén intervirá no acto, que contará, ademais, coa actuación de Andrián Torres, músico e familiar de María Victoria Moreno que interpretará unha peza musical baseada noutro dos poemas da escritora.


Os versos da escritora, na voz de Rosa Cedrón

A parte artística da homenaxe a María Victoria Moreno terá como protagonistas o dúo formado por Rosa Cedrón e Emilio Rúa, que adaptaron para a ocasión o poema de María Victoria Moreno “Cantiga”, da obra Elexías de luz.

Ao abeiro da celebración do 17 de maio, a Xunta de Galicia tamén colocará no IES Torrente Ballester unha placa conmemorativa en recoñecemento ao labor docente de María Victoria Moreno e á súa contribución á lingua e á literatura galegas.

O acto institucional das Letras Galegas enmárcase nas iniciativas que a Xunta de Galicia vén promovendo para difundir e poñer en valor o legado da escritora homenaxeada coas Letras Galegas 2018. Trátase dun programa de actividades diversas no conxunto do territorio, coas que durante todo o ano, pero especialmente no mes de maio, se abordan as diferentes facetas de María Victoria Moreno. 


A obra de María Victoria Moreno a través da ilustración

Ademais de acoller o acto institucional da Xunta de Galicia no 17 de maio, o IES Torrente Ballester acolle estes días a exposición itinerante María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. Promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a mostra está coordinada por David Pintor, autor da imaxe central deste proxecto expositivo que se basea no diálogo gráfico de oito ilustradores galegos de prestixio con outras tantas obras de María Victoria Moreno, concretamente con O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Os ilustradores Xan López Domínguez, Nuria Díaz, Lucía Cobo, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón realizaron unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora. A exposición inclúe tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora.

A exposición, que se pode visitar no IES Torrente Ballester ata o 27 de maio, en horario lectivo, percorrerá ata final de ano os concellos da Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias