El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

O Foro Económico de Galicia estima un crecemento do PIB do 2,9% en 2018

15-05-2018 20:23:41
Santiago Lago (i) e Patricio Sánchez.

DuviOurense.- O Foro Económico de Galicia fixo público este martes e por segundo ano as previsións de crecemento para a economía galega. O Centro Social Abanca, en Santiago de Compostela, acolleu a presentación dun documento no que “se ordenan e presentan todas as previsións para o PIB de Galicia, avaliando a súa capacidade predictiva, e remata cunha previsión de consenso baseada na combinación de toda a información dispoñible”. O resultado final achega unha estimación por parte do Foro Económico de Galicia de crecemento do PIB en 2018 do 2,9%.

O equipo de conxuntura do foro que elaborou o documento está formado por José Francisco Armesto, Fernando González Laxe, Santiago Lago e Patricio Sánchez, sendo estes dous últimos os encargados este martes de presentalo. Sobre a importancia de levar a cabo esta previsión e facelo dun xeito axustado, o documento lembra como o Produto Interior Bruto “constitúe o principal indicador macroeconómico para medir a riqueza xerada nun territorio” e como “as previsións económicas sobre a evolución do PIB dun territorio adquiren un papel cada vez máis importante nas decisións futuras das empresas”.


Combinación de cifras para cumprir tres obxectivos

Os obxectivos deste informe, sinalan os seus autores, son tres. “Primeiro, ordena e presenta todas a previsións dispoñibles para o PIB de Galicia en 2018. Segundo avalía e informa da capacidade preditiva das diferentes institucións públicas e privadas para o período 2015 a 2017. En derradeiro termo e a partir do anterior, ofrece unha previsión baseada na combinación das diferentes cifras dispoñibles utilizando para isto diferente información (cuantitativa e cualitativa) ao seu alcance”, recolle o documento. 

A previsión do Foro Económico de Galicia para 2018 parte da combinación das cifras que ofrecen o Instituto Galego de Estatística (IGE), Funcas, BBVA Research e Hispalink "tendo en conta a súa capacidade preditiva demostrada nos últimos tres anos, dando máis ponderación a quen atinou máis no pasado". As institucións que máis se teñen aproximado nos dous últimos anos nas súas previsións ex ante, detállase no documento, son o IGE e Funcas, “amosando esta última institución un lixeiro nesgo á alza”. 

Como resultado, comentan os expertos do Foro Económico, obtense unha media ponderada de crecemento do PIB de Galicia para 2018 que é de 2,6%. “A partir desta cifra, o equipo de conxuntura do foro produce unha previsión de consenso que ten en conta o resultado dunha enquisa aos membros natos deste foro e a información que proporciona o Indicador Abanca ata abril de 2018. "Para 2018 a previsión de consenso que manexa o Foro é do 2,9%”, sinalan por último.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias