O responsable do Goberno galego, Núñez Feijóo, analizou hoxe co presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani,
os principais retos da Unión Europea e da política comunitaria relevantes para
Galicia como o Corredor Atlántico de Mercadorías, o avellentamento da poboación,
as axudas da PAC e o brexit.
Nun escenario histórico importante, Feijóo
trasladou a plena disposición da Comunidade para colaborar e para sumar en
todos os asuntos que afectan o futuro da UE. Deste xeito, durante a xuntanza, entregoulle
un informe sobre as prioridades da rexión no marco comunitario, co obxectivo
principal de que as necesidades galegas se teñan en conta no deseño da Europa
da vindeira década, sobre todo naqueles sectores clave para a nosa economía.
Ademais da necesidade de que a política
comunitaria defenda os sectores máis estratéxicos da Comunidade como a
agricultura, a pesca e o aproveitamento forestal, outro dos asuntos abordados
por ambos os mandatarios foi a solicitude de incorporación da rede ferroviaria
galega ao Corredor Atlántico de Mercadorías, apostando con firmeza por
converter Ourense nun importante nó ferroviario como centro de entrada e saída
a Europa dos trens procedentes dos principais portos galegos. Ademais de que o
futuro fondo de financiamento neste ámbito estea dotado dun orzamento
suficiente para apoiar os proxectos incluídos na rede secundaria, o que
axudaría a evitar a conxestión e contaminación da rede principal.
O titular da Xunta recordou o apoio explícito
do Goberno central, que trasladou esta cuestión fundamental á UE de forma
prioritaria para España como Estado membro. E expresou o desexo de que esta
petición se resolva de xeito satisfactorio, “xa que non ten sentido que os
principais portos da fachada atlántica non teñan unha conectividade ferroviaria
e non poidan evacuar as mercadorías a través do ferrocarril”, dixo.
En relación ao avellentamento demográfico, un
reto común a toda Europa, ambos coincidiron en que despois de que esta década servise
para a asimilación do problema, a vindeira ten que ser a de actuación e busca
de solucións, cun compromiso real coas zonas máis envellecidas.
E, ao respecto dos orzamentos comunitarios
2021-2027, en proceso de debate, o presidente da Xunta transmitiu a Tajani o
interese por que estes sexan coherentes coas prioridades económicas, sociais e
territoriais que Europa fixou nos últimos anos e que para Galicia ten unha
importancia capital.
En relación
ao brexit, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que dependendo de
como se faga a xestión da saída do Reino Unido, a flota galega podería perder
ata un terzo das capturas. E valorou a sensibilidade do presidente do
Parlamento Europeo, coñecedor do papel activo que Galicia está tendo con este
tema.
O titular da
Xunta quixo agradecer ao presidente do Parlamento Europeo a súa deferencia,
xenerosidade e sensibilidade á hora de escoitar e de comprometerse coas
necesidades de Galicia, cos seus sectores e cos seus traballadores. A plena
determinación por defender sempre os intereses dos europeos e, polo tanto, dos
galegos.