El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

En marcha unha nova lei de residuos

22-05-2018 14:11:39
A conselleria Beatriz Mato.

A Xunta de Galicia iniciará este mesmo ano a tramitación dunha nova lei de residuos e solos contaminados de Galicia. Así o avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, quen asegurou que o borrador xa está preparado, polo que o seguinte paso será a presentación do anteproxecto de lei, co fin de “traelo no Parlamento galego no vindeiro período de sesións”.

Tal e como explicou a conselleira, buscase acadar unha lei innovadora, práctica e que se sitúa en liña coas políticas europeas, que fomenta o emprego verde e que introducirá no seu articulado as principais medidas do paquete de economía circular aprobado por Europa.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que na nova lei se fixarán novos obxectivos por materiais, incidindo especificamente na prevención e na preparación para a reutilización. Engadiu que se prevé a creación da rede galega para a preparación para a reutilización, fomentando a intervención de entidades sociais e avanzou que algunha das medidas máis novedosas do futuro texto, con respecto á lei actual, son as accións para loitar de forma efectiva contra o desperdicio alimentario, como impulsar a creación dun pacto social a través dun código de boas prácticas en relación cos excedentes alimentarios e o seu tratamento.

Tamén conterá medidas específicas tanto para a hostalería como para os vendedores minoristas de alimentos, a regulación da venda do menaxe dun só uso (pratos, vasos, coitelos, culleres ou garfos) ou o fomento do mercado dos residuos valorizados e da compra pública verde innovadora.

Mato Otero indicou que o Goberno galego marcouse unha meta firme, como é dar o paso definitivo cara a economía circular, un modelo que prioriza o retorno, a renovación e o uso eficiente dos recursos. Trátase -en definitiva- de manter o valor económico dos produtos, materiais e recursos o maior tempo posible e reducir ao máxima a xeración de residuos.

Sinalou que os primeiros esforzos realizados permitiron que Galicia lidere, xunto con Valencia e Cataluña, o grupo de traballo de economía circular e fondos europeos da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), que é o encargado de acordar posibles vías de financiamento de proxectos ou instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea.

Tamén apuntou que Galicia xa iniciou ese camiño cara a economía circular, coa tramitación da Estratexia Galega de Economía Circular, co obxectivo de impulsar un consumo informado e responsable. Indicou que este modelo ten un grande percorrido por diante e cun enorme potencial en moitos ámbitos, como o campo dos residuos de construción e demolición, dos aceites derivados da hostalería e dos fogares ou na industria produtora de aceiro.


Tres estratexias

A conselleira de Medio Ambiente explicou que e importante que Galicia conte coa súa propia estratexia de economía circular, adaptando a singularidade, peculiaridade económica, social e natural á proposta de Europa. Ademais da Estratexia de Economía de Circular, o Goberno galego traballa na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que formará parte da Estratexia Galega de Sustentabilidade, e que permitirá definir o camiño a seguir e marcará as pautas para a sociedade, os axentes produtivos e a Administración.

A estratexia de cambio climático está centrada en crear unha economía baixa en carbono, eficiente e sustentable con tres focos diferenciados de actuación: a redución do uso de plásticos en Galicia, a implantación de boas prácticas sustentables e a aposta por unha contratación pública sustentable. Beatriz Mato manifestou que non só se traballa na definición dun marco lexislativo, senón que tamén se están a implantar medidas efectivas para implantar este sistema en Galicia, traballando da man dos concellos, da hostalería, das industrias e das empresas e da poboación, en xeral.

Recordou que a Consellería de Medio Ambiente puxo en marcha o Proxecto Horeca, en colaboración con Ecoembes, para fomentar a recollida de envases entre os locais de hostalería, restauración e catering; en colaboración coas catro asociacións provinciais de hostalería impulsouse un proxecto piloto para a redución dos desperdicio alimentario; e máis recentemente, púxose en marcha a iniciativa Úneteaoreto, que ten por obxectivo fomentar a reciclaxe de envases lixeiros ou EtiDeQuenVesSendo, unha acción que ten por obxectivo sensibilizar sobre a importancia da recuperación do vidro.

A responsable de Medio Ambiente engadiu que a última iniciativa presentada polo departamento que dirixe é Verdear, unha imaxe de marca coa finalidade de facilitar a difusión de accións de concienciación medio ambiental, para o cal se elaborarán manuais de boas prácticas ambientais para cada un dos sectores, comezando polas escolas, comercio, actividades deportivas e festivais.

Indicou que entre todos, con accións individuais e colectivas, “podemos evitar a redución dos residuos e fomentar a reciclaxe, sobre todo polo valor que temen moitos destes materiais” e tamén porque en ocasións son residuos perigosos que deben ser ben xestionados. Nese sentido, avanzou que nos vindeiros meses porase en marcha outra iniciativa co obxectivo de mellorar a reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos dirixidos aos nenos, que irá acompañada doutra acción divulgativa e de concienciación centrada na reciclaxe de pilas.

Para concluír, Beatriz Mato indicou que Galicia está ante o reto de modernizar e transformar a economía, movéndoa nunha dirección máis sostible que leva aparellados importantes aforros de enerxía, beneficios medio ambientais, crear postos de traballo a nivel local e xerar novas oportunidade para a integración social.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias