El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación destina 150.000 euros para bolsas a deportistas da provincia

24-05-2018 12:54:22

A Coruña.- A Deputación da Coruña, na súa labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria das bolsas deportivas do ano 2018, destinados a mozos e mozas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional. 

A institución provincial destina un total de 150.000 euros para premiar a 45 mozos e mozas coruñesas con 3.000 ou 4.000 euros cada un en función da categoría. Este ano, auméntase en 60.000 euros a partida orzamentaria destinada a esta convocatoria, pasando dos 90.000 euros concedidos en 2017 aos 150.000 deste ano. 

Os bolseiros da Deputación divídense en tres categorías segundo as súas idades e os seus recoñecementos. Do total das 45 bolsas, quince de 3.000 euros cada unha irán destinadas a deportistas de entre 12 e 17 anos. Outras quince do mesmo importe, irán destinadas aos deportistas que teñan entre 18 e 23 anos.


Novas axudas para deportistas de alto nivel

Como novidade, este ano, concederanse outras quince bolsas de 4.000 euros cada unha a deportistas con recoñecemento pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas Galegos de Alto Nivel no anos 2015, 2016 ou 2017 e a deportistas que participaran nos últimos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de Río 2016. 

Os solicitantes deberán practicar un deporte, de carácter individual, que pertenza a unha das disciplinas olímpicas, incluídas no programa oficial dos Xogos Olímpicos do ano 2016 e dos próximos Xogos Olímpicos de Tokio do ano 2020. Ademais, os candidatos terán que acreditar o seu historial deportivo durante o 2017, no que constará as participacións e os resultados máis importantes obtidos en competicións autonómicas, nacionais e internacionais. Quedan excluídos da convocatoria os cursos dirixidos á obtención de títulos académicos ou deportivos. 

A área de Deportes da Deputación da Coruña, que dirixe o deputado José García Liñares, consciente da importancia de fomentar a práctica deportiva en todas as súas disciplinas e de contribuír na difícil tarefa que teñen os deportistas que loitan por manter a súa actividade ano tras ano, convoca estas bolsas para impulsar o seu talento cunha achega económica para competicións deportivas derivadas da participación en torneos de ámbito rexional, nacional ou internacional. 

As bolsas desta convocatoria tramitaranse de xeito telemático a través da plataforma SUBTEL, na páxina web da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal) dende mañá ata o 20 de xuño ás 14:00 horas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias