El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Conchi Basilio
Piñeiro Docampo
Sociedad

GALICIA | TURISMO

A natureza e a paisaxe son a principal motivación pola que o 42,5% dos turistas elixen visitar Galicia

11-07-2018 16:51:15
Nava Castro (d), directora de Turismo de Galicia.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial de Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, pronunciou hoxe a conferencia inaugural do Curso de Verán Turismo e paisaxe dentro da 11ª edición dos Seminarios de Verán sobre a Paisaxe da Universidade de Santiago de Compostela. Baixo o título Galicia Parabéns: a mellor imaxe de Galicia, Castro repasou as políticas que a Xunta está a desenvolver nesta materia a través da Estratexia do turismo de Galicia 2020 e salientou a relevancia que teñen na Comunidade como destino e na opinión dos viaxeiros.

En particular, a directora detívose no proxecto dos premios Galicia Parabéns, dotados de 1,6 millóns de euros nas súas dúas primeiras edicións e que buscan tres obxectivos: distinguir as mellores iniciativas xa realizadas de embelecemento do territorio galego, financiar novos proxectos que complementen as actuacións levadas a cabo e impulsar novas propostas de actuacións que teñan esta mesma orientación. Os primeiros galardoados foron os concellos de Boqueixón e Portomarín, aos que proximamente se unirán dúas novas localidades.

“A paisaxe é un dos elementos aos que máis importancia concede a Estratexia do turismo de Galicia 2020”, sinalou Nava Castro ao referirse ao documento que guía as actuacións da Xunta neste eido e que foi deseñado en consenso co sector para afondar nun destino de calidade, tranquilo e responsable. Esta aposta tradúcese no seu orzamento, pois a paisaxe, os recursos naturais e a sustentabilidade concentran máis de 88 millóns de euros, é dicir, o 37% do total de investimentos da Estratexia 2020, con accións ao longo de catro anos.

A través deste investimento, avánzase en catro direccións: o impulso ao uso turístico sustentable da paisaxe, a recuperación e mantemento de núcleos singulares, o control de capacidade de carga e redistribución de fluxos e a sustentabilidade das infraestruturas.


Valoración dos peregrinos

Nava Castro salientou tamén que a natureza e a paisaxe son a principal motivación pola que os turistas visitan Galicia. Así o afirma un 42,5% os viaxeiros, seguidos dun 25,8% que elixe a enogastronomía e dun 24,9% que valora especialmente a tranquilidade e o descanso.

O mesmo patrón repítese cos peregrinos. Segundo o Estudo do impacto socieconómico do Camiño de Santiago elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela a petición da Xunta, a contorna natural é o elemento máis apreciado polos que peregrinan en grupo e o terceiro entre quen o fai en solitario tras a seguridade e a interacción con outros peregrinos.

“A paisaxe, como recurso estratéxico, debe ser preservada e posta en valor tamén desde un punto de vista turístico, garantindo sempre a sustentabilidade do espazo natural”, salientou Nava Castro, quen detallou os proxectos gañadores da I edición dos Galicia Parabéns.


Proxectos premiados

A actuación distinguida co galardón no concello de Boqueixón é a mellora do Pico Sacro e a súa contorna. Trátase dun cumio ao que nos últimos anos se destinou un importante esforzo para a súa posta en valor como referente xeográfico, paisaxístico, histórico e lendario, e fito clave no relato xacobeo. A través desta convocatoria, é posible o reacondicionamento do Centro de Interpretación do Pico Sacro, a integración paisaxística de edificacións como o deposito de augas na faldra da montaña e a recuperación da harmonía entre arquitectura e paisaxe co derrubamento dunha estrutura de formigón abandonada desde hai décadas.

No caso de Portomarín, o proxecto gañador foi a reordenación do Parque de Agustín do Río, o que permitirá embelecer a primeira estampa que teñen da vila os peregrinos que chegan polo Camiño Francés e dotar de novos servizos a veciños e visitantes. A proposta busca realizar unha intervención neste parque urbano, replantando unha trintena de carballos e incorporando unha seria de elementos novos, ademais da demolición de gradas de formigón e a colocación de xardíns verticais cos que mimetizar o impacto visual dos muros.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias