El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

Feijóo anuncia a aprobación da primeira carreira profesional ordinaria do Sergas

19-07-2018 16:48:31
Núñez Feijóo, presidente da Xunta.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou a aprobación das bases da primeira carreira profesional ordinaria para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) á que se poden acoller todas as categorías de traballadores (médicos, enfermeiros, auxiliares de enfermaría, administrativos e celadores) e o persoal dos entes adscritos. Con esta medida recoñécese a experiencia e o compromiso dos profesionais da Sanidade Pública.

Feijóo expuxo que esta mellora das condicións laborais dos profesionais sanitarios, que tivo que adiarse durante os anos da recesión, pode tomarse porque Galicia cumpre os obxectivos de déficit, débeda e regra de gasto, unha situación na que só están cinco comunidades autónomas. Acollerse á carreira profesional será totalmente voluntario e suporá unha mellora das retribucións.

As bases que aprobamos hoxe garanten, en palabras do presidente, “dous logros de gran calado: blindan a equiparación plena dos dereitos recoñecidos dos médicos, persoal de enfermaría e o resto do persoal sanitario e non sanitario e blindan o pleno recoñecemento económico dos mesmos dereitos para o persoal interino”, resumiu o presidente da Xunta. Noutras comunidades autónomas, aos interinos empézalles a computar a carreira profesional desde que obteñen a praza fixa, mentres que en Galicia se computarán os servizos prestados desde o momento no que comezan a traballar como interinos.

Entre os principais obxectivos da carreira profesional están o recoñecemento e o incentivo a aqueles profesionais con máis inquedanza e capacidade de traballo, o incremento da corresponsabilidade e a cultura do compromiso do sistema sanitario público e a promoción da actualización constante dos coñecementos e competencias dos profesionais.


Graos

A carreira profesional do Sergas, tal e como relatou Feijóo, estrutúrase en cinco graos. Ao inicial pode acceder o persoal fixo, o interino en praza vacante e o persoal fixo doutra categoría que estea a desempeñar unha praza vacante por promoción interna temporal. Para ascender aos seguintes graos será necesario, en todos os casos, superar unha avaliación e dispoñer dunha experiencia profesional determinada: para o grao 1, cinco anos no grao inicial; para os graos 2 e 3, cinco anos de permanencia no grao anterior (para os licenciados) ou seis (para o resto de persoal), e para o grao 4, sete anos no grao 3.

Polo tanto, o ciclo completo será de 22 anos para o persoal licenciado sanitario, algo que, segundo subliñou Feijóo, sitúa Galicia por riba de comunidades como Cataluña ou País Vasco, onde para completar o ciclo son necesarios 25 anos. Para os diplomados, graduados, técnicos e demais persoal o ciclo será de 24 anos, na media dos servizos de saúde.

Ao grao inicial poderán acceder en calquera momento todos os profesionais que reúnan os requisitos e a súa resolución terá efectos desde o mesmo día da solicitude. Respecto aos demais graos, o Sergas convocará cada ano os procedementos para acceder a eles, que durarán como mínimo un mes.

Para determinar se un profesional é apto ou non para subir de grao, existirá un baremo que valorará os seguintes criterios: actividade asistencial (rendemento e calidade); competencia asistencial (de acordo con mapas de competencias específicos que serán deseñados); formación, docencia, investigación e innovación, e implicación e compromiso coa organización. Estes aspectos serán valorados por un comité de avaliación, presidido pola xerencia do centro hospitalario, cun profesional de recursos humanos na secretaría e sete vogais, entre os que se inclúe un avaliador externo e representantes dos órganos de dirección, do persoal e da área na que traballa o persoal avaliado.


Sistema transitorio

Tal e como explicou o presidente, nas bases da carreira profesional aprobadas polo Consello da Xunta prevese un sistema transitorio e excepcional para encadrar os profesionais que están en activo ou con reserva de praza a día 1 de xullo deste ano. Estes profesionais poderán acceder, por unha soa vez, ao grao 1 ou ao grao seguinte a aquel que xa teñan recoñecido polo réxime extraordinario (un sistema que existe desde hai anos).

Para acceder ao grao 1 deben acreditar un mínimo de cinco anos de traballo como persoal estatutario do Sergas, do cal un ano debe ser como persoal fixo. Para acceder aos seguintes graos, ademais de ter recoñecido un grao na súa categoría e especialidade desde hai como mínimo un ano, deberán ter a seguinte traxectoria: para o grao 2, 12 anos; para o grao 3, 18 anos (licenciados) ou 19 (resto de persoal) e para o grao 4, 23 anos (licenciados) ou 25 (resto de profesionais).

Con esta medida, a Xunta recoñece o traballo de todo o persoal sanitario que, durante os anos da crise económica, viron paralizada a posibilidade de progresar nos graos, e permítelles obter, excepcionalmente, o recoñecemento de dous graos en tan só dous anos.

Con respecto aos prazos do sistema transitorio, a convocatoria farase a finais deste ano, para que en 2019 se poida obter o 60% das retribucións adicionais que correspondan e en 2020 poidan alcanzar xa o 100%. Feijóo indicou que se estima que o 70% do cadro de persoal do Sergas poderá acollerse a este sistema transitorio.


Melloras para os empregados públicos

Feijóo enmarcou este recoñecemento da carreira profesional, moi reivindicado polos profesionais da Sanidade pública, no conxunto das melloras nas condicións laborais e nas retribucións que están a experimentar os empregados públicos. Así, os traballadores públicos autonómicos rexistrarán ata 2020 un incremento de entre o 8% e o 9% nas súas retribucións, o que se traduce nunha media de 3500 euros anuais por persoa.

Ademais, chegouse a un acordo cos traballadores da Xustiza e onte mesmo asinouse unha suba salarial para os profesionais da Educación pública.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias