Oia (Pontevedra). O Festival do Rei Sol volve por terceiro
ano consecutivo á Costa dos Castros de Oia co obxectivo de revalorizar
o patrimonio cultural deste territorio, especialmente o seu rico
legado inmaterial. A cita cultural se celebrará entre o 14 e o 16 de
setembro e incluirá unha decena de actividades gratuítas pensadas para o
desfrute de todos os públicos.
Visitas guiadas, obradoiros infantís, relatorios,
espectáculos das artes escénicas e unha exposición de fotografía compoñen a
programación deste ano, que achegará as súas propostas a diversos puntos do
municipio.
Así, a programación do Festival do Rei Sol
2018 abrirase o venres 14 de setembro cunha dobre actividade dedicada ao
oficio tradicional da telleira. Ese día desenvolverase un obradoiro
infantil de traballos manuais para confeccionar as tellas do Rei Sol e, a
continuación, terá lugar unha charla sobre a telleira en Oia a cargo de
Pepe “Buraco”. A xornada inaugural rematará cunha función de teatro.
Exposición fotográfica
A oferta cultural do festival do Rei Sol inclúe
tamén unha exposición de fotografías sobre telleiros, como actividade
complementaria ao obradoiro infantil e o relatorio sobre a telleira en Oia. A
mostra de fotografías antigas pode visitarse xa na Oficina de Turismo de Oia,
onde permanecerá exposta durante varias semanas.
Actos no Cano dos Mouros
Os actos principais do festival desenvolveranse ao
longo da tarde do sábado día 15 no castro do Cano dos
Mouros (Viladesuso), onde haberá unha visita guiada e o grupo veciñal O
Mellor de Cada Casa representará unha obra de teatro ambientada no mundo galaico.
A continuación se desenvolverá o espectáculo de
narración oral titulado O eco das
pedras, a cargo da artista Raquel Queizás, e unha contemplación do solpor
amenizada polo grupo de música tradicional A Fiada de Viladesuso porá o broche
final á xornada festiva.
Visitas especiais ao barrio
do Arrabal
Ademais, o sábado e domingo pola mañá haberá
visitas guiadas especiais ao Arrabal
(entorno do Mosteiro de Oia). A través destes itinerarios, que estarán guiados
por unha personaxe do século XVIII, descubriremos este barrio histórico a
través das súas historias e lendas. As visitas comezarán ás 12.30h. e o punto
de encontro será a Oficina de Turismo de Oia.
Patrimonio inmaterial
O Festival do Rei Sol leva o nome do protagonista
dunha lenda local asociada ao castro do Cano dos Mouros. Aproveitando esta
circunstancia, con esta cita cultural preténdese revalorizar o patrimonio local -especialmente o inmaterial-, concienciar sobre a necesidade de preservalo
para as futuras xeracións e festexar a convivencia entre veciñanza e persoas
que visitan o municipio.
A actividade, organizada pola Asociación Costa dos
Castros xunto co Concello de Oia, desenvólvese coa colaboración da Deputación
de Pontevedra (Ano da Lingua e Pontegal), e de diversos colectivos locais, como
son a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común e a Asociación de Veciños de
Viladesuso. Máis información