El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

GALICIA

Cinemas de Galicia percorrerá Allariz, Bueu, Cangas, Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove

08-09-2018 10:50:47

Patrocinado por IdoVisual. Cinemas de Galicia, o circuíto de exhibición cinematográfica impulsado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), inicia mañá o seu segundo ciclo de programación anual, que se desenvolverá ata decembro en sete concellos. Allariz, Bueu, Cangas, Cariño, Cedeira, Celanova e O Grove acollen esta nova carteleira, que ofrecerá 24 proxeccións de 11 películas galegas e europeas de recente realización.

A nova programación arranca mañá domingo no Grove coa proxección, ás 19,00 h. na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey de Handia, a fita baseada en feitos reais ocorridos no País Vasco no século XIX que narra a historia dun home xigante, dirixida por Ramón Agirre e Jon Garaño e que gañou 10 Premios Goya 2018. A oferta nese mesmo espazo continuará o 23 de decembro, día no que se dedicará a sesión a multigardoada dos Mestre Mateo Dhogs, a ópera prima do lucense Andrés Goteira con produción galega de Gaita Filmes. Tamén no Grove, pero xa en novembro e dentro da carpa institucional da praza do Corgo, proxectaranse o 4 de novembro The square, primeiro premio do Festival de Cannes 2017; o 18 de novembro, Mimosas, a celebrada obra do realizador galego Oliver Laxe rodada no Atlas marroquí; e o 25 de novembro, o documental Vigo 1972, sobre a histórica folga de 30.000 traballadores na cidade pontevedresa.

A selección do resto dos concellos confórmase en Allariz con A libraría, de Isabel Coixet (21 de outubro ás 19,00 h.) e O fillo de Bigfoot (18 de novembro ás 18,00 h.). As dúas obras poderán verse na Casa da Cultura da localidade ourensá.

En Bueu, o Auditorio do Centro Social do Mar recibirá Dhogs (21 de setembro), A librería (19 de outubro), Stefan Zweig: adeus a Europa (2 de novembro), Lady Macbeth (22 de novembro) e O fillo de Bigfoot (1 de decembro). Todas as producións son ás 21:00 h., agás esta última que se adianta ás 17,00 h. por estar dirixida especialmente ao público infantil.

O Concello de Cangas programará unha única cita, con Dhogs o 2 de novembro na pantalla do Auditorio Municipal; en tanto que en Cariño tamén estará Dhogs (6 de outubro), Lady Macbeth (13 de outubro), Stefan Zweig: adeus a Europa (27 de outubro) e Verán 1993, de Carla Simón (10 de novembro). O Auditorio Municipal acollerá todas as sesións ás 19,30 h.

O público de Cedeira poderá ver no seu Auditorio Municipal Mimosas (30 de setembro ás 18,00 h.) e Dhogs (10 de novembro ás 20,00 h.). Pola súa banda, o Auditorio Ilduara de Celanova proxectará O fillo de Bigfoot (6 de outubro ás 20,00 h.), Santoalla (13 de outubro ás 20,00 h.), Stefan Zweig: adeus a Europa (3 de novembro ás 20,00 h.), The Square (11 de novembro ás 19,00 h) e Verán 1993 (17de novembro ás 19,00 h).


Obxectivos fundacionais

Cunha programación estable dende que se puxera en marcha en 2014, Cinemas de Galicia está a desenvolver en 2018 a súa quinta edición cos mesmos obxectivos fundacionais: dunha banda, ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, doutra, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa Comunidade. Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegarlle a sétima arte en pantalla grande a concellos que non contan con salas comerciais.

Neste sentido, o catálogo que a Agadic lles propón aos programadores dos concellos se caracteriza pola calidade das fitas seleccionadas, tanto no que respecta aos títulos galegos como á oferta internacional. Así o demostra o feito de que unha parte moi ampla destes filmes teñan sido galardoados ou nomeados por algúns dos festivais máis importantes do panorama audiovisual internacional. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias