El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

PÓRTICO DA GLORIA

Goretti Sanmartín reclama a gratuidade das visitas ao Pórtico da Gloria

13-09-2018 16:25:18

"Queremos facer visíbel o patrimonio invisíbel mais non podemos permitir que o máis visíbel se faga invisíbel para quen o ten máis próximo", dixo a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei na súa intervención na presentación da xornada da Semana do Patrimonio Invisíbel en que demandou "que a entrada para ver o Pórtico da Gloria sexa gratuíta, cando menos, para as persoas residentes en Santiago". 

Na súa intervención na xornada de debate do programa que forma parte do convenio da Deputación da Coruña co Auditorio de Galicia para actividades culturais en Santiago, Goretti Sanmartín defendeu a necesidade de "abrir espazos pechados, conquistar o territorio, recuperar a memoria e facer visíbel o invisíbel",  co obxectivo de, segundo apuntou, "mudar o modelo de turismo, de poñer en valor o noso patrimonio e mesmo de vivir a cidade". 

A poucos días de que se peche o período de visitas gratuítas ao Pórtico da Gloria despois da súa restauración, Goretti Sanmartín apuntou que a Igrexa non debe "facer que o máis visíbel do noso patrimonio se volva invisíbel para quen reside en Santiago de Compostela", polo que reclamou "a gratuidade da entrada ao Pórtico da Gloria". 

Destacou tamén que son moitas as persoas residentes en Santiago de Compostela que a poucos días de que se peche a entrada, non conseguiron poder acceder ao emblema do patrimonio catedralicio dado que "as longas filas deste tempo en que se detectan o maior número de turistas do ano fixeron que moitas persoas que traballan no verán non tiveran oportunidade de pasar esas horas que foron imprescindíbeis para ver a principal obra de Mestre Mateo, unha das pezas claves do románico mundial". 

Ao respecto, lembrou tamén a necesidade de urxir "a devolución por parte da familia Franco das dúas pezas de Mestre Mateo que representan a Isaac e Abraham e que continúan na súa man malia terse documentado a propiedade por parte do concello". Reclamou, neste sentido, "contundencia absoluta á hora de reclamar que as dúas obras pasen a ser parte dos bens municipais dun concello que ten no seu patrimonio un dos seus principais recursos económicos e de identidade". 

Apostou Goretti Sanmartín por mudar "o modelo de turismo que chega a Santiago, visita dúas rúas e a catedral e marcha" para outro sostíbel e con dimensión económica para o concello, que inclúa "toda a potencialidade que ten e o rico patrimonio artístico e natural", para o que puxo por exemplo o conxunto de petroglifos que formarán parte do Parque Compostela Rupestre que impulsa a área de Patrimonio da Deputación da Coruña. 

"A Igrexa ten que tomar a decisión de permitir a veciños e veciñas que poidan gozar e vivir o seu patrimonio, visitar os tellados e os distintos espazos con beneficios económicos porque, a noso ver, é de xustiza e é tamén un modelo que se impón en boa parte dos bens patrimoniais do mundo. A catedral é, sen dúbida o monumento máis visíbel de Santiago e non queremos que se faga invisíbel para os composteláns e as compostelás", apuntou. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias