El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

ALCOA

As administracións propoñen unha mesa de traballo para negociar o futuro das plantas de Alcoa

08-11-2018 20:50:57
Reunión entre administracións en Madrid.

Madrid. O alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, que participou hoxe nunha reunión en Madrid convocada polos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, salientou a necesidade de que a multinacional “retire o expediente extintivo para poder falar e crear un marco de negociación que sexa realmente construtivo e no que teñan cabida os traballadores”. Os e as representantes das cinco administracións comprometéronse a manter “unidade de acción” para lograr frear os despedimentos en ambas factorías.

O Concello da Coruña, xunto co de Avilés, os executivos autonómicos de Galicia e o Principado de Asturias e os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica acordaron esta tarde, no marco dunha reunión celebrada en Madrid e na que estiveron presentes os e as titulares de cada administración, propoñer a constitución dunha mesa de traballo na que, ademais, participen os axentes sociais e Alcoa, para negociar o futuro das plantas que a multinacional pretende pechar na Coruña e en Avilés, o que afectaría de xeito directo a máis de 700 familias.

O acordo adoptouse esta tarde logo da xuntanza institucional celebrada no Ministerio de Industria e na que participaron o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, así como a súa homóloga en Avilés, Virtudes Monteserín, as ministras de Industria e de Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribera, e os presidentes da Xunta e do Principado, Alberto Núñez Feijóo e Javier Fernández. Nunha comparecencia posterior ante os medios de comunicación, o rexedor coruñés manifestou que outro dos acordos acadados pasa por solicitar á empresa á retirada do ERE extintivo que ten activado e que afecta ás dúas plantas. 

"O fundamental é que no día de hoxe, as cinco administracións implicadas nos sentamos á mesa para evidenciar que estamos de acordo en como hai que actuar. Primeiro, é imprescindible que se retire o expediente de regulación de emprego porque non se pode negociar e conformar unha mesa de traballo realmente construtiva se hai unha data de límite tan próxima", comentou Ferreiro, que destacou que outra das demandas que se lle fixo ás representantes estatais é que o goberno poña en marcha os mecanismos que sexan necesarios para poder conformar esta mesa, "sentar a Alcoa e negociar e seguir avanzando cos sindicatos e as forzas sociais, xa que somos conscientes de que ambas plantas son rendibles". 

"Todo o esforzo que se faga aquí está xustificado. Estamos falando de moitas familias, de moitas veciñas e veciños", advertiu o primeiro edil, que tivo unha referencia para os e as traballadoras da planta coruñesa. "Quero mandar unha mensaxe de ánimo, que saiban que todos e todas as que nos sentamos hoxe a esta mesa estamos a traballar para reverter a situación actual", manifestou.

A ministra de Industria, Reyes Maroto, que resaltou a unidade de acción entre todas as administracións, explicou que a constitución desta mesa permitirá traballar e propoñerlle á empresa diferentes escenarios alternativos ao peche das dúas plantas e que permitan o mantemento dos postos de traballo. Na reunión tamén se acordou que o goberno activará de aquí a final de ano as medidas previstas para a industria electrointensiva, en concreto, a poxa de interrumpibilidade e o pago do custo de compensación das emisións de CO2. 

Maroto avanzou que estas medidas "darán seguridad jurídica a toda la industria electrointensiva del país en un momento en el que el precio de la energía está repuntando". As administracións implicadas tamén se comprometeron a traballar de forma paralela na elaboración dun marco estable no ámbito enerxético para este tipo de industria.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias