El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

GALICIA | UNIVERSIDADE

A Residencia Universitaria Elvira Bao xa é unha realidade

12-11-2018 17:33:12
Visita a nova residencia universitaria.

A Coruña. A posta en funcionamento da primeira fase da residencia universitaria pública Elvira Bao vén a cubrir unha demanda histórica da Universidade da Coruña, a única no Sistema Universitario Galego que non dispoñía deste servizo, e que se suma á oferta residencial da Universidade na cidade de Ferrol. A residencia universitaria da Coruña foi posible grazas a un acordo asinado coa Deputación da Coruña e o Concello da Coruña no ano 2015 para a cesión de parte de edificio do Centro Calvo Sotelo para a súa utilización como residencia universitaria. A Deputación sufragou ademais as obras de acondicionamento da ala este deste edificio para a súa conversión en residencia universitaria cun aporte total de preto de 3  millóns de euros. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o alcalde, Xulio Ferreiro; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, visitaron hoxe a nova residencia universitaria Elvira Bao, na que xa están a vivir trece estudantes da UDC. Ao acto asistiron tamén os exreitores José María Barja e Xosé Luís Armesto, así como a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez; a vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre, e o xerente, Ramón del Valle. Abalde amosou a súa satisfacción e a de toda a universidade pola consecución da primeira residencia universitaria pública da Coruña e lembrou que este proceso comezou xa co mandato do exreitor José María Barja, cun malogrado proxecto para a construción dunha residencia no campus de Elviña, e seguiu co exreitor Armesto, que foi quen iniciou as conversas coa Deputación para a cesión do espazo que hoxe se inaugurou, e quen asinou o convenio ao efecto co ente provincial. 

Máis opotunidades de estudar na universidade 

O presidente da Deputación da Coruña afirmou que “hoxe é un día histórico para esta provincia, para estar cidade e tamén a nivel persoal, porque conseguimos facer realidade unha infraestrutura demandada dende hai anos por varios equipos reitorais e por toda unha cidade”, declarou González Formoso, que subliñou que esta residencia facilitará o acceso á universidade a estudantes de fóra da cidade con recursos económicos  limitados. “Esta residencia vai premitir que un rapaz de Mañón ou unha rapaza de Trazo vaian a ter máis oportunidades de estudar na universidade”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña. 

No discurso das autoridades mencionouse tamén a colaboración entre as distintas entidades, Universidade, Concello e Deputación, que fructificou para conseguir a primeira residencia universitaria pública da cidade. “Hoxe é un momento para celebrar a cooperación entre institucións que pon a universidade ao alcance de máis persoas favorecendo a cohesión social”, apuntou Ferreiro quen afirmou que “a Universidade da Coruña é un activo importante na cidade”. 

Finalmente, Sanmartín ademais de abundar na importancia da posta en marcha da residencia, “damos un salto de xigante con esta residencia que era unha débeda histórica”, lembrou o simbolismo no nome que leva a residencia, Elvira Bao, mestra represaliada que vivía preto destas instalacións. 

A residencia Elvira Bao está situada na praza onde se ubica o Museo Nacional de Ciencia (MUNCyT), cuxa sede, o edificio “Prisma de Cristal”, foi cedido tamén no seu día ao Estado para albergar esta importante infraestrutura cultural. 


44 das 118 prazas xa dispoñibles 

Ubicada na ala este do Centro Calvo Sotelo, a residencia Elavira Bao ofrece unhas instalacións totalmente renovadas e actualizadas. É unha instalación independente, de uso exclusivo universitario, anexa á Residencia IES Calvo Sotelo da Deputacion da Coruña. 

Dispón de 46 prazas: dúas en cuarto individual para o alumnado con dificultades de mobilidade cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, e 44 en cuartos dobres (non mixtos) nesta primeira fase, que chegarán a 118 prazas cando rematen as obras na súa totalidade. 

Os cuartos son todos exteriores e constan de dúas camas, dous armarios, unha mesa de estudo para dúas persoas, un andel dobre e un baño completo. Ademais hai tres salas de estudo e ocio, unha delas equipada con microondas, cafeteiras, neveiras e fervedoiros de auga. O prezo dos cuartos oscila entre 100 e 195 euros, incluíndo os consumos de calefacción, electricidade, auga e wifi. Os universitarios terán acceso ademais ao comedor do Centro Calvo Sotelo. 

A residencia dispón de recepción e vixilancia as 24 horas para garantir a privacidade e seguridade do estudantado. Preto da residencia hai paradas de bus urbano con enlace directo á liña UDC que vai aos campus de Elviña e da Zapateira. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias