El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Deportes

OURENSE | DO 15 AO 17 DE NOVEMBRO

A Xunta e Expourense presentan unha nova edición do Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia

12-11-2018 18:51:26
Presentación do Salón do Deporte e Turismo.

Ourense. A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron hoxe na presentación da segunda edición do Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia en Expourense. Alí, tras destacar moitas das cualidades do deporte incidindo na igualdade entre homes e mulleres, salientou que o deporte “sempre desperta interese, ten capacidade de sorprender, de emocionar, de motivar e de acadar beneficios para a sociedade, é desenvolvemento social, desenvolvemento económico e xera unha imaxe positiva”.

A responsable do Deporte galego uniu todas estas características a Sportur ao que definiu como “un imán para todos os que como nós saben que a actividade deportiva é a plataforma sobre a que se tece unha sociedade de futuro”. Dixo ademais que a feira é “un evento emblemático para toda a Comunidade Autónoma” que terá lugar en Expourense, recinto que grazas a súa compatibilidade conta coa “máxima ocupación a nivel feiral e deportivo”. Neste sentido, destacou que a pista cuberta de Ourense “posiciona ao atletismo galego nesta cidade e desestacionaliza a oferta”. “Todo isto suma na conquista do desenvolvemento económico da cidade onde traballa o mundo deportivo, o turismo activo e o tempo de lecer”, engadiu.

No transcurso da súa intervención, Marta Míguez subliñou tamén como a Xunta “impulsa o desenvolvemento económico da cidade apoiando a celebración de eventos como Sportur xeradores de impacto no sector turístico e deportivo e que xeran unha sociedade máis completa e máis activa”. Ademais indicou que, a pesar de ser o segundo ano, “Sportur está medrando e posicionándose de xeito contundente”.

O II Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia terá lugar en Expourense do 15 ao 17 de novembro e coincidirá coa celebración da XLII edición da carreira pedestre popular San Martiño, o domingo 18 de novembro. Esta conxunción de eventos fará que Ourense se converta no “núcleo do atletismo e do deporte galego” esta fin de semana grazas tamén á carreira á que definiu como un “evento autonómico de primeira orde e moi coñecido a nivel nacional”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou o papel estratéxico que o turismo activo ten en Galicia polo seu importante potencial para descentralizar a actividade turística e por permitir achegar os beneficios do turismo tanto á costa como ao interior, dando así resposta aos compromisos da Estratexia do turismo de Galicia 2020. "O deporte e o turismo son perfectos compañeiros de viaxe, e Galicia é un escenario privilexiado para poñelos en práctica", explicou Nava Castro. Neste sentido, referiuse a iniciativas como as máis de 20 propostas para coñecer os seis parques naturais da Comunidade impulsadas pola Xunta e que no caso de Ourense permiten coñecer, por exemplo, o Parque de Serra de Enciña da Lastra a bordo dun kaiak polo embalse e entrar nunha das súas covas para facer espeleoloxía ou mesmo descubrir o Parque do Invernadoiro ou o do Xurés a través de orixinais rutas ciclointerpretativas en bicicleta, combinándoo con estadías no rural galego.

A elas súmanse experiencias como Galicia Surfing, con propostas de viaxe para coñecer os recursos na costa galega a través deste deporte; os Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia ou as numerosas oportunidades que presentan os recursos fluviais galegos para realizar tanto sendeirismo ás beiras dos ríos como para a práctica de deportes de aventura, como remo, rafting ou barranquismo, entre outras moitas. Como indicou Nava Castro, a Consellería de Cultura e Turismo traballa para continuar reforzando as sinerxías, cada vez máis fortes, entre deporte e turismo no seu compromiso por un modelo turístico de calidade, responsable, sustentable e saudable.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias