El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

MEDIO AMBIENTE | SOGAMA

Vivir un Nadal "en verde"

14-12-2018 12:08:56

“Vive o teu Nadal en Verde”. Así reza o manual de boas prácticas que Sogama lanza co fin de dar a coñecer algúns dos consellos ecolóxicos a poñer en práctica nestas festas para gozalas dunha forma máis sostible e cun menor impacto sobre a contorna. 

A empresa pública apela, en primeira instancia, ao consumo responsable como principal recomendación a ter a conta. Invita así a reflexionar sobre o que verdadeiramente necesitamos e comprar con racionalidade. Advirte da importancia de ser cautos cos agasallos e apostar por aqueles que cumpran con criterios ecolóxicos (reutilizables, reciclables, reciclados e que xeren poucos residuos), coa particularidade de que, máis aló de regalar obxectos materiais, tamén se pode obsequiar aos nosos achegados con bos momentos. 


Non ao desperdicio alimentario

Pon tamén o centro de atención nos alimentos. Mellor frescos, locais e de tempada, sendo conveniente planificar os menús con suficiente antelación. Con pouco diñeiro e algo de imaxinación pódense preparar atractivos pratos. 

Diferenciar a data de caducidade da data de consumo preferente resulta esencial no caso dos artigos perecedoiros (a primeira indica o momento a partir do cal un produto pode supoñer un risco para a saúde; a segunda o momento no que pode perder calidades –textura, sabor, olor-, pero sen representar unha ameaza para a saúde). Tamén fai un alegato en favor dos alimentos feos, xa que gozan das mesmas propiedades nutritivas que os guapos. 

Recomenda igualmente revisar a despensa e a neveira para darlle saída aos produtos máis antigos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novas receitas. E todo isto co obxectivo último de non arroxar comida ao cubo do lixo, un preocupante comportamento con serias consecuencias ambientais, económicas, sociais e morais. 


Reutilización na súa máxima expresión

Así mesmo, pon o acento na reutilización. Fóra vasos, pratos e cubertos de plástico, dando preferencia á súa versión en metal, louza e vidro, descartando igualmente os panos de papel e priorizando os de tea. 

Para adornar a árbore de Nadal só fai falta un pouco de creatividade. Mellor con materiais reutilizados e/ou reciclados, debendo ser cautelosos coa iluminación, sempre lámpadas de baixo consumo. E a temperatura do fogar na súa xusta medida. Confortable, pero sen contribuír a elevar o termostato do planeta. 

Aínda que son datas de lecer, festa e celebracións, isto non implica que deba darse tregua á responsabilidade ambiental. Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) impóñense máis que nunca, toda vez que se incrementa de forma exponencial a produción de refugallos, debendo ser extremadamente cautelosos coa separación dos materiais e correcto depósito dos mesmos nos contedores correspondentes para que poidan ser recuperados e transformados en novos produtos. 

Dado que os aparellos eléctricos e electrónicos son un dos artigos máis demandados á hora de regalar, debe avaliarse se realmente é necesario cambiar ese móbil ou tablet que aínda goza de boa saúde e conta con boas prestacións. Os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos están crecendo tres veces máis rápido que o resto do lixo. 


Transporte sostible

E, como non podía ser doutra forma, o Nadal constitúe tamén unha época de numerosos desprazamentos. Na medida do posible, debe prescindirse do vehículo particular e optar polo transporte público e, se é factible, nada mellor que a bicicleta para moverse en traxectos curtos. Contribuiremos a minorar a contaminación e a mover o corazón. 

Compartir coa xente necesitada constitúe un xesto que non está circunscrito unicamente ao Nadal, senón que debe facerse efectivo o resto do ano. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias