El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | CONCURSO FOTOGRÁFICO

Ábrese o prazo de inscrición para o concurso fotográfico "Eu son Pilabot"

07-01-2019 15:58:57

Alumnos de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia poderán participar no primeiro concurso de fotografía creativa #eusonpilabot, enmarcado na campaña de sensibilización ambiental Pilabot coa que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda busca fomentar a recollida selectiva de pilas, baterías e acumuladores portátiles entre a poboación escolar e as súas familias. Os rapaces interesados terán de prazo para inscribirse e poder enviar as súas fotos entre mañá e o próximo 25 de xaneiro.

Para participar tan só teñen que cumprimentar un formulario específico dentro da web www.pilabot.gal e aceptar as bases do concurso. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, un xurado conformado por representantes da Xunta e de SCRAP (sistema de responsabilidade colectivo ampliado de produtor do que forma parte Ecolec) farán unha preselección das obras finalistas; e do 1 ao 10 de febreiro, todas as fotos escollidas serán publicadas na páxina de Facebook de Pilabot.

Os gañadores decidiranse en función do número de gústame recibidos nas redes sociais de modo que o autor da fotografía que obteña o maior número obterá como primeiro premio unha tablet, o que quede na segunda posición levarase un altofalante bluetooth e o que quede en terceiro lugar, unha pulseira de fitness.

A campaña Pilabot, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente coa colaboración dos xestores de Ecopilas, ERP e Ecolec, arrincou oficialmente o pasado 1 de outubro coa presentación e xestión das inscricións dos centros educativos interesados en participar. En total, 150 colexios de toda Galicia (53 da provincia de A Coruña; 15 de Lugo; 31 de Ourense; e 51 de Pontevedra) están adheridos a Pilabot para o curso 2018-2019.

Esta campaña inclúe tamén como actividade estrela un concurso de reciclaxe de pilas, de forma que os centros participantes que consigan as mellores cifras de recollida recibirán un premio económico para a compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, estableceranse catro premios: dous, dotados con 2.500 euros cada un, para o centro escolar que máis quilos de pilas reúna e tamén para o que máis quilos recolla por alumno; e outros dous, de 1.250 euros, para os colexios que queden en segunda posición.

Entre as actividades programadas, que se prolongarán ata o mes de marzo cunha festa final e a entrega de premios aos gañadores dos concursos, tamén se incluirán accións informativas e charlas educativas nos propios centros, coa entrega de información e material sobre a campaña e a reciclaxe de pilas, así como actividades participativas.


Campaña ata marzo

Cómpre lembrar que este tipo de residuos teñen unha alta carga contaminante. A modo de exemplo, unha soa pila de botón, como a que se emprega nun reloxo, pode contaminar ata 600.000 litros de auga, o que equivale ao consumo de 30 persoas durante toda a súa vida polo que resulta primordial que este tipo de residuo se deposite no colector correspondente para darlle o tratamento axeitado.

Ademais, as pilas atópanse en múltiples dispositivos, como xoguetes, cámaras, lanternas, reloxos... polo que desde a Consellería de Medio Ambiente considérase fundamental fomentar a súa correcta separación non só nos fogares, senón tamén nos traballos, centros de ocio e colexios, un dos mellores lugares para trasladar ás futuras xeracións a importancia de separar ben e depositar estes residuos en contedores específicos.

En todo caso, nos últimos anos tense incrementado de forma notable a concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras de 2017 (últimos datos dispoñibles), en Galicia recuperáronse 225.356 quilos de pilas, o que supón un incremento dun 23% nos últimos 9 anos. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias