El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | SANIDADE

Sanidade investirá no presente ano 5,7 millóns de euros en programas de cribado

12-01-2019 11:46:10

A Consellería de Sanidade ten previsto investir, no presente ano, un total de 5,7 millóns de euros en programas de cribado. Con este orzamento, que no 2007 era de 3,1 millóns, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña iniciará un novo cribado poboacional, o do cancro de cérvix uterino para as mulleres de entre 25 e 65 anos. Este programa poboacional reduce as desigualdades do acceso das mulleres, sendo así máis equitativo.

Sanidade tamén ten previsto implementar neste ano que agora comeza a proba de detección da infección polo virus do papiloma humano nas mulleres de 35 e máis anos.

En Galicia disponse de dous programas dirixidos específicamente á detección temperá de cancro de mama e colorrectal. Respecto deste último, en xuño do pasado ano, preto do 70% da poboación obxectivo xa fora invitada a participar. En setembro de 2019 Sanidade terá invitada a toda a poboación diana de 50 a 69 anos, que son preto de 700.000 persoas.

Cómpre remarcar que preto do 65% dos cancros detectados no programa foron estadíos precoces (48% en estadío 1 e 18% en estadío 2) onde o prognóstico é significativamente mellor que nos máis avanzados. Este dato amosa o importante impacto desta iniciativa da Consellería de Sanidade. Sinalar que nas preto de 11.000 colonoscopias realizadas derivadas dos test positivos entregados, detectáronse 600 persoas con cancro invasivo.


Cancro de mama

No que atinxe ao programa de cancro de mama, Sanidade quere destacar a súa sólida implantación así como as melloras levadas a cabo no mesmo. Así, ampliouse a idade da poboación diana ata os 69 anos, unha decision avalada pola evidencia científica. Ademais, para abordar o aumento considerable do número de mulleres a explorar, 84.000 mulleres máis por mor desa ampliación, abríronse tres novas unidades fixas. Deste xeito, as mulleres exploradas pasaron de 143.656 no ano 2008 a 180.000 no 2017.

Na actualidade, o programa de cancro de mama conta con 23 unidades fixas de exploración mámográfica en 16 emprazamentos dentro dos núcleos poboacionais principais da nosa Comunidade Autónoma.

Xunto a todo o anterior, Sanidade realizou un proceso de cambio dende a tecnoloxía analóxica á dixital, que permite integrar os estudos de cribado na historia clínica das mulleres, diminuíndo a repetición inxustificada de estudos mamográficos.

Outro dos programas de cribado que leva a cabo Sanidade é o de detección precoz da hipoacusia neonatal. No ano 2012 completouse a súa cobertura, de xeito que se oferta na actualidade en todas as maternidades públicas e privadas de Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias