El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación encherá Fitur de "Fame de Experiencias"

16-01-2019 16:41:47
Carmela Silva (c), presidenta da Deputación.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, e ao chef Pepe Solla, deron a coñecer hoxe as liñas mestras de “Fame de Experiencias”, a campaña turística que este ano promoverá a provincia de Pontevedra e terá como pistoletazo de saída a Feira Internacional de Turismo, Fitur, en Madrid.  Silva, que adiantou que a presentación da campaña en Fitur terá lugar o 24 de xaneiro ás 12.00 horas, será “unha homenaxe a todas as persoas que integran a cadea de valor da enogastronomía a través dunha presentación  sorprendente, innovadora, creativa, moderna e orixinal, rachará tópicos para deixar a todas as persoas con "Fame de Experiencias".   

Segundo explicou a presidenta da Deputación, “Fame de experiencias” é “a solución a esa nova necesidade que temos de vivir experiencias únicas que nos sorprendan e que nos atrapen, e precisamente iso buscamos: que as persoas regresen, que todas as persoas ao ver a campaña sintan a necesidade de saciar a súa fama de experiencias vindo ata a provincia”. Deste xeito a campaña integrará todo o territorio provincial, interior e costeiro, dando a coñecer que a provincia de Pontevedra“é un paraíso que alimenta os cinco sentidos con paisaxes, aromas, texturas, sons e sabores, que somos un destino multiexperiencial que combina a excelencia coa innovación, coa sustentabilidade dun territorio no que as persoas son parte indispensable das experiencias inesgotables que queremos ofrecer”.   

Máis polo miúdo Silva explicou que a campaña enlaza a enogastronomía co emoturismo, o turismo vinculado ás emocións. “A OMT no informe de turismo gastronómico presentado no 2017 puxo de manifesto que a experiencia gastronómica é hoxe tan importante como visitar un museo, desfrutar de música ou visitar a arquitectura dun destino”, asegurou a presidenta. Neste eido, Carmela Silva fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra conta con moitos recursos que “nos converten nun dos mellores destinos enogastronómicos do mundo”.  

Así, a presidenta fixo mención dende a Denominación de Orixe Rías Baixas ata as denominacións de orixe protexida (Mexillón de Galicia, Pemento de Herbón, Queixo de Tetilla e Queixo García-Ulloa), as dez indicacións xeográficas protexidas (Castaña de Galicia,  Grelos de Galicia, Lacón Galego, Mel de Galicia, Tarta de Santiago, Tenreira Galega, Augardente de Galicia, Augardente de Herbasde Galicia, Licor Café de Galicia, Licor de Herbas de Galicia), a Ruta do Viño Rías Baixas, os cinco establecementos con Estrela Michelín e os oito Soles Repsol, eventos gastronómicos como o Vigo SeaFest, Portamérica ou Etiqueta Negra Gourmet e festas enogastronómicas como a de interese turístico internacional do Albariño ou as de interese turístico nacional do Marisco do Grove, o Cocido de Lalín e a Lamprea de Arbo.   

Durante a presentación dos eixos de promoción turística deste 2019 proxectouse un vídeo de avance da acción que se levará a cabo en Fitur . A presidenta provincial explicou que o vídeo está centrado en historias de persoas, seguindo a liña da campaña do ano pasado “Somos historias”. En concreto as historias que recolle a campaña son de produtoras e produtores que compoñen a cadea de valor que hai detrás da gastronomía da provincia de Pontevedra.   

Neste eido incidiu Pepe Solla, quen enxalzou que a campaña “está protagonizada por persoas reais, non por actores nin actrices, senón por produtoras e produtores, pola xente que está detrás e non se ve, polas persoas que dan valor á cociña galega”. Así, o chef pontevedrés incidiu en que “o que fai grande a cociña galega son os produtos, son as produtoras e os produtores, e esta campaña pon o acento nelas e neles”.   
“Fame de Experiencias” que arrancará o 24 de xaneiro en Fitur, Madrid, ten por obxectivos avanzar da man da enogastronomía nos dous eixos prioritarios do Plan Estratéxico de Turismo: a desestacionalización e a internacionalización. 


Mesa do Turismo

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén presidiu esta mañá a Mesa Provincial do Turismo na que se deron cita os principais axentes públicos e privados do sector turístico das Rías Baixas. Durante a mesa, Carmela Silva explicou que “o 100% do Plan Estratéxico de Turismo está en marcha, co 93% das accións formuladas en execución e o 7% lanzadas este mesmo ano”.   

Amais de dar seguimento ao Plan Estratéxico de Turismo, durante o transcurso da Mesa presentouse a campaña de promoción turística que arrancará neste 2019 en Fitur que, segundo explicou Silva, naceu das ideas propostas na propia Mesa. Así, a presidenta provincial informou ás persoas integrantes da mesa que “todas as vosas ideas, todo o que nos foi chegando das vosas suxestións está contemplado na campaña deste 2019”.   

Durante a Mesa tamén se trasladou ao sector a posibilidade de que durante un prazo de quince días formulen ideaspara a promoción do destino provincia de Pontevedra no período 2019-2020. Neste eido, Silva subliñou que as propostas deberán axustarse tanto á publicidade estática no mercado galego, nacional e internacional, como a accións de promoción online e accións colaborativas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias