Madrid | O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou hoxe en Fitur o novo spot audiovisual Os sentimentos dunha viaxes, incluído na campaña de promoción turística do conxunto da provincia Lugo Cambia. Trátase da 3ª fase desta iniciativa de impulso turístico que o Goberno Provincial puxo en marcha dende hai 2 anos e que conta con 7 vídeos en galego, castelán, inglés, alemán, francés, italiano e portugués. O Lugo Cambia xira sobre 3 eixos: o cambio da provincia de recuncho a recuncho (2017); o cambio que produce Lugo a quen a visita (2018) e os cambios nos sentimentos e emocións que transmiten as citas lucenses máis senlleiras (2019).
Campos Conde presentou o novo vídeo promocional “Provincia de Lugo: Moito por celebrar” xunto a Martín Barreiro, embaixador da campaña Lugo Cambia, e dos Alcaldes dos principais Concellos da provincia polo seu número de habitantes: Lugo (Lara Méndez), Viveiro (María Loureiro) e Monforte de Lemos (José Tomé Roca). Tamén estivo na presentación, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde.
Estes novos spots, que se atopan nas redes oficiais da Deputación e en www.deputacionlugo.gal, nun apartado específico sobre turismo, difundiranse a nivel internacional en reputadas plataformas para dar a coñecer as festas, celebracións e citas gastronómicas máis singulares e únicas da provincia así como os recursos patrimoniais, naturais, culturais e históricos que rodean estes encontros festivos co obxectivo de atraer á provincia máis visitantes para que experimenten momentos emocionantes e inolvidables. En primeiro lugar, farase en medios de Galicia, España e Portugal, posto que son as zonas inmediatas de captación de turistas.
Campos Conde subliñou que “hai 2 anos, iniciabamos en Fitur a campaña Lugo Cambia coa presentación, na que é a feira turística de referencia no país, dos primeiros 5 traballos audiovisuais cos recursos turísticos dos nosos 67 Concellos, nunha clara aposta pola promoción do conxunto da nosa provincia como un destino turístico único no país. Hoxe, damos a coñecer novas iniciativas de reforzo da nosa campaña de promoción da provincia, sendo unha pequena mostra do que temos preparado para este 2019, cuxo obxectivo é conseguir que máis xente nos visite e experimente as intensas emocións que poden sentir nunha viaxe a Lugo ao deixarse envolver pola autenticidade de centos de festas, que te cambian para sempre. E facémolo coa colaboración dun coñecido lucense que presume da beleza da súa provincia, como é Martín Barreiro, embaixador de Lugo Cambia”. Departamento de comunicación