Madrid | O secretario xeral para o Deporte, José
Ramón Lete Lasa, asinou na segunda xornada da Feira Internacional de
Turismo de Madrid FITUR, un acordo de colaboración coa Asociación del
Deporte Español (ADESP), representada polo seu presidente, José Hidalgo,
para o fomento do deporte e o turismo deportivo en Galicia a través da
Oficina de Desarrollo Internacional del Deporte Español, recollida baixo
a marca ‘Spain Sports Global’ que ten como eixo principal de actuación a
captación de eventos deportivos internacionais con gran capacidade de
promoción deportiva e turística. No acto de sinatura tamén interviu a
directora de Spain Sports Global, Mercedes Coghen.
Na súa
intervención o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia
deste acordo para o turismo deportivo de Galicia da que salientou a súa
“incomparable beleza, gastronomía e a calidade hospitalaria dos galegos e
das galegas”. Neste sentido lembrou que Santiago de Compostela é “a
meta dos camiños que vertebraron Europa”. “Camiños espirituais,
relixiosos, culturais, turísticos e tamén deportivos”, dixo.
No
seu relatorio Lete Lasa fixo un percorrido polos grandes eventos
deportivos que acolleu Galicia como a Copa do Mundo de Fútbol de 1982 en
Vigo e A Coruña, o Mundobasket de Ferrol en 1986 ou a Volta ao Mundo
Volvo Ocean Race que saíu desde Vigo no ano 2005. Xa máis recentemente,
destacou grandes eventos celebrados en 2018 como o Europeo de hóckey
patíns masculino (A Coruña), o Europeo de J70 (Vigo) ou o Mundial Cadete
de Ajedrez (Santiago) e adiantou algúns dos grandes acontecementos
deportivos que terán lugar neste ano 2019 como o Europeo Júnior de
Loitas Olímpicas (Pontevedra), o Mundial Júnior de Balonmán (Vigo y
Pontevedra) e sobre todo os Campionatos do Mundo de Multideporte
-dúatlon, acuatlón, aquabike e tríatlon de longa distancia e cross-
(Pontevedra).
Como conclusión, o máximo responsable do Deporte
galego salientou que grazas á sinatura de este acordo, Galicia “dá un
paso máis no seu crecemento e benestar porque é un acordo que levará
moita riqueza á nosa terra”.
Posicionamento de Galicia como destino de turismo deportivo
Segundo
o acordo asinado hoxe, levaranse a cabo accións que melloren o deporte
galego en xeral e o posicionamento de Galicia como destino da práctica
deportiva e do turismo asociado ao deporte en particular. Ademais, a
tenor do acordo asinado este mediodía en IFEMA, procurarase a mellora do
nivel deportivo de Galicia por medio da captación de expertos
internacionais nos ámbitos de adestramento e a xestión deportiva, así
como tamén a través da internacionalización de deportistas,
adestradores, árbitros e directivos do deporte de Galicia.
Dentro
dos compromisos que se cumprirán segundo o acordo de colaboración entre a
Xunta de Galicia e ADESP, destacan a mellora do posicionamento de
Galicia como destino de turismo deportivo, facilitar a relación entre as
federacións deportivas galegas e as españolas ca fin de organizar
eventos deportivos internacionais en Galicia, favorecer a participación
de deportistas, adestradores, xuíces e directivos das entidades
deportivas de Galicia en accións de adestramento e competición noutros
países, procurar a chegada a Galicia de delegacións internacionais
conformadas por membros de alto nivel así como deseñar e organizar un
foro de promoción do turismo deportivo en Galicia que serva de punto de
encontro profesional entre os sectores deportivo e turístico.
Campionato de Europa 2020 e do Mundo 2021 de vela clásica 6m
Instantes
antes do comezo do acto de sinatura entre a Secretaría Xeral para o
Deporte e a Asociación do Deporte Español, o secretario xeral para o
Deporte tamén presentou o Campionato de Europa 2020 e do Mundo 2021 de
vela clásica 6 metros que se celebrarán en Sanxenxo. Nesta presentación
tamén participaron a directora de Turismo, Nava Castro, o presidente de
Portos de Galicia, José Juan Durán, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e
o representante do Real Club Náutico de Sanxenxo, César Elizaga.
Nas
súas verbas, o titular da carteira autonómica de Deporte, subliñou a
Galicia por ser unha “terra excepcional con paraísos impresionantes como
as Rías Baixas”. Ademais destacou aos deportistas galegos e galegas de
“enorme magnitude”, nomeadamente na vela, entre os que se atopan
campións olímpicos e do Mundo. Por iso, dixo, Galicia debe contar tamén
cos mellores eventos deportivos e convidou a todos os asistentes a
“desfrutar de Galicia e da vela”.