A Xunta de Galicia prestou un servizo de transporte adaptado gratuíto
a máis de 6000 usuarios durante o 2018. En concreto, 6159 galegas e
galegos, preto dun 6% máis que o ano anterior, foron beneficiarios do
Servicio Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (Sgamp).
Este
servizo de transporte adaptado e asistido, de carácter gratuíto, ten
como finalidade poñer a disposición das persoas con discapacidade ou
dependentes que teñan dificultades de mobilidade os medios adecuados ás
súas necesidades. Foi a provincia da Coruña a que máis beneficiarios
tivo con 2633, seguida de Pontevedra con 1527, Lugo con 1145 e Ourense
con 854.
Desta maneira, realizáronse máis de 49.000 desprazamentos
para favorecer o acceso aos servizos e recursos que faciliten a
promoción da autonomía destas persoas, así como a súa participación na
contorna habitual.
Cómpre destacar que os viaxes son divididos
polos usuarios segundo a súa tipoloxía. E en base a esta clasificación
pódese observar que o principal motivo para solicitar un desprazamento
adaptado, co 45% das demandas, é a asistencia a programas de servizos
sociais. O coidado persoal, terapéutico ou rehabilitador é o segundo
motivo maioritario dos beneficiarios, e a asistencia ao médico o
terceiro. Ademais destes, tamén se rexistran viaxes por traslados a
centros asistenciais, para actividades educativas ou formativas, para
xestións administrativas ou para participacións en actividades
culturais.