A Rede Galega de Praias sen Fume conta
cun total de 79 areais pertencentes a 45 concellos. A evolución da rede
dende a súa creación está a ser moi satisfactoria, pasando de 26 praias
correspondentes a 19 concellos no ano 2016 a 46 praias pertencentes a 27
concellos no 2017 e ás 79 actuais; isto supón o 16% das praias censadas
en Galicia. Ademais, os concellos de Baiona, Corcubión e Rianxo contan
coa acreditación de ouro, que é o máximo nivel ao que se pode optar ao
declarar todas as súas praias sen fume.
Como novidade, no pasado
ano, incorporouse a posibilidade de incluír praias fluviais, isto amplía
a todas as provincias galegas a posibilidade de formar parte desta
iniciativa de promoción da saúde. Esta medida tivo moi boa acollida e xa
contan con esta distinción un total de 15 areais fluviais.
Ademais,
a rede estendeuse a outros ámbitos, nacendo a Rede Galega de Portos Sen
Fume, co fin de sensibilizar aos usuarios e visitantes do portos
deportivos dos beneficios de vivir sen tabaco. Actualmente, hai catro
portos deportivos adheridos a rede: Portosín, Portonovo, Ribadeo e
Baiona. A colaboración coa Conselleira do Mar a través de Portos de
Galicia, foi indispensable para facer chegar a proposta aos diferentes
xestores portuarios solicitándolles a súa valoración e colaboración, co
fin de facer dos portos autonómicos contornos máis saudables e
sustentables.
Referente nacional
Galicia é pioneira na
creación da primeira rede de praias sen fume, sendo o referente nacional
na ampliación de espazos ao aire libre non regulados pola normativa
vixente. A iniciativa está a ter unha gran acollida fóra da nosa
comunidade, sendo Murcia a primeira en continuar o exemplo de Galicia.
Para facilitar a implantación da súa rede, se lles proporcionou toda a
información e os materiais. Outras comunidades como Andalucía e Valencia
tamén amosaron o seu interese.
A Rede galega de praias sen fume
naceu cun fin educativo e de sensibilización social, recalcando a
importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras
modélicas que son. O obxectivo é que os cativos e mozos saiban que “o
normal é non fumar” e avanzar e cambiar a percepción social sobre o
tabaco, co obxectivo de converter este entorno en educativo e
preventivo.
Nas praias sen fume non se pode fumar na zona do
areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de
hostalería situados nelas. Non existe vixilancia, nin sanción para o
incumprimento, é unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha
praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto o seu cumprimento é unha
responsabilidade persoal.
Moi boa acollida na sociedade
A
Consellería de Sanidade realizou unha enquisa aos usuarios das praias e
á poboación en xeral co fin de avaliar a percepción e a resposta á
iniciativa. O traballo de campo levouse a cabo entre o 27 de xullo ao 21
de agosto pasado, cun tamaño de mostra de 1.350 usuarios de praias sen
fume e outra de 1.000 entrevistas telefónicas a poboación residente de
18 e máis anos, ademais dunha revisión da sinalización requirida para
participar no proxecto.
O 71,6% dos usuarios das praias no pasado
ano valorou esta iniciativa como boa ou moi boa, isto é 7,4 puntos máis
que no 2017. Na poboación xeral, catalogaron esta iniciativa como moi
boa ou boa o 78,1%, 4,4 puntos máis que no 2017.
Crece a
porcentaxe de usuarios das praias (68,7%) aos que lles gustaríalle que a
iniciativa se estendese a outras praias no futuro e o 57,8% considera
que debería estenderse a outros espazos ao aire libre.
Sobre o
cumprimento, aumenta a porcentaxe de usuarios das praias que pensa que
se respecta a recomendación de non de fumar nas praias, que actualmente é
do 53,8%. Esta porcentaxe foi do 31,8 no 2016 e do 48,7 no 2017.
O
62% da poboación xeral que coñece a iniciativa a coñeceu a través dos
medios de comunicación, o 10,5% a través dos comentarios doutras persoas
e o 9,6% a través da sinalización con carteis das praias. Esta última
porcentaxe foi aumentando respecto aos anos anteriores, sendo no ano
2016 do 2,7% e no ano 2017 do 7,6%.