El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

SECTOR LÁCTEO

A Xunta porá en marcha un plan estratéxico do sector lácteo galego

06-02-2019 17:31:24
José González (c).

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe a posta en marcha dun plan estratéxico do sector lácteo galego, que se fará –advertiu– contando con todos os axentes implicados.

O titular de Medio Rural enmarcou estes labores na necesidade de seguir afondando na transparencia e no funcionamento da cadea de valor do leite, algo para o que, dixo, a Xunta seguirá apostando pola colaboración e o diálogo, así como por continuar traballando de forma coordinada e conxunta entre todos os elos da devandita cadea. 

José González fixo este anuncio na clausura da xornada Perspectivas para o sector lácteo organizada por Unións Agrarias e na que participaron expertos galegos e españois, entre eles representantes do Ministerio de Agricultura e da propia Administración autonómica, caso do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agrogalimentarias, José Balseiros. 

O titular de Medio Rural insistiu nesta xornada na condición de líder de Galicia dentro do sector leiteiro nacional e lembrou que este eido constitúe un dos principais motores do rural galego. Neste sentido, avogou por seguir impulsando a calidade destas producións, así como as do conxunto agroalimentario da nosa comunidade, para acadar un incremento do seu valor engadido. José González defendeu ademais a aplicación das novas tecnoloxías do I+D+i nesta industria, co fin de mellorar a súa competitividade.  


Retos de futuro 

En parecidos termos, o conselleiro advertiu que o rural e o sector lácteo galego afrontarán catro retos claves nos vindeiros anos, como son a reforma da PAC, a profesionalización, a rendibilidade das explotacións e a mellora da súa base territorial. 

A continuación, José González debullou cada un destes aspectos. Así, en relación coa futura Política Agrícola Comunitaria, lembrou que Galicia está a traballar enerxicamente para defender os intereses dos nosos agricultores e gandeiros ante os cambios previstos e que a posición da nosa comunidade é firme e clara, froito do consenso coas organizacións profesionais agrarias, as cooperativas e a Xunta. 

Sobre esa postura, salientou que a nosa comunidade agarda unha PAC forte, común e que manteña o actual orzamento, apostando por medidas que recoñezan as peculiaridades do noso territorio, pero dentro do Plan estratéxico nacional, como establece a normativa comunitaria. Galicia defende, entre outras cousas, medidas para paliar as oscilacións nos prezos dos produtos agrarios e a incerteza e inestabilidade que provocan nos produtores. Tamén, un recoñecemento especial ás zonas de montaña e con limitacións naturais que conforman a nosa comunidade e unha axuda particular ás pequenas e medianas explotacións, que constitúen a maior parte do tecido produtivo lácteo galego. 

Así mesmo, José González recordou a recente publicación da orde que regula estas axudas, cun orzamento de 210 millóns de euros, e que o prazo para presentar solicitudes remata o vindeiro 30 de abril. Neste aspecto, salientou ademais que se prevé que cheguen a arredor de 30.000 agricultores e gandeiros galegos. 

Con respecto á profesionalización do sector, o conselleiro indicou que debe basearse na formación e a innovación, co fin de facer explotacións máis innovadoras, eficientes e onde a tecnoloxía gañe peso. 


Rendibilidade e transformación 

Sobre a rendibilidade das explotacións, o titular de Medio Rural advertiu que o futuro do sector pasa, en boa medida, pola transformación da materia prima, algo que a Xunta fomenta con axudas que só na última convocatoria apoiaron máis de 90 proxectos agroalimentarios cunha achega superior aos 30 millóns de euros. Delas, salientou o conselleiro, o 59% dos fondos foi para empresas do eido lácteo. 

Nesta mesma liña, José González reivindicou a importancia da etiquetaxe sobre a orixe do leite que, dixo, supón unha dobre garantía, tanto para os consumidores como para os produtores galegos e españois. Lembrou así mesmo a aposta da Xunta polo selo de calidade diferenciada Galega 100%, unha liña na que se vai afondar no futuro.Por último, en relación coa base territorial das explotacións, o conselleiro falou de facilitar a mobilización de terras para revitalizar o medio rural, mellorando a concentración parcelaria, que favorecerá a produción dos sectores agrogandeiros e a oposición ao abandono de terras, fomentando ao tempo o asentamento da poboación. 

Por último, José González insistiu na actitude leal pero vixiante da Xunta, para seguir esixíndolle ao actual Goberno Central o mesmo que lle demandaba ao anterior, que é a defensa dos intereses dos gandeiros, de xeito enérxico e con todos os medios legais ao seu alcance.





www.liderdiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias