A noticia está patrocinado por IdoVisual | Trinta lumes, a primeira longametraxe da realizadora galega Diana
Toucedo, chegará este venres ás salas de cinema para a súa estrea
comercial despois de ter sido exhibida en destacados festivais
internacionais, como o de Berlín, onde celebrou a súa estrea mundial hai
agora un ano.
A película, rodada ao longo de varios anos na serra
do Courel, contou no seu camiño cara á pantalla grande cunha achega
económica da Xunta de Galicia de máis de 30.000 euros mediante as liñas
de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para
producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e mais
para a promoción e difusión do noso cinema en festivais e mostras de
prestixio internacional. A través desta última convocatoria, apoiouse a
súa presentación na sección Panorama da Berlinale, tras a que tivo a súa
estrea española no Festival Internacional de Cine de Málaga.
A
partir de mañá, Trinta lumes poderá verse en Galicia (Cines Cantones da
Coruña, Minicines Central da Estrada, Cines Dúplex de Ferrol, Cinema
Codex de Lugo, Numax de Santiago e Multicines Norte de Vigo), así como
en Cataluña (Cinemes Girona de Barcelona e Espai Funatic de Lleida) e
Madrid (Círculo de Bellas Artes). Ademais, con motivo da súa estrea
comercial, durante esta fin de semana terán lugar varios pases especiais
coa participación dos integrantes do equipo na Coruña, Lugo, Santiago e
Vigo.
Do visible ao invisible
Producida pola empresa
galego-catalá Lasoga Films xunto coa propia Diana Toucedo, o filme
sitúase entre a ficción e o documental para lle propoñer ao espectador
unha viaxe sensorial do visible ao invisible. A protagonista desta
historia é Alba, unha rapaza de 13 anos, que desexa descubrir o
descoñecido, o misterioso e o fascinante da morte. Xunto co seu mellor
amigo, Samuel, entran en casas abandonadas, percorren aldeas destruídas e
se adentran nas montañas do Courel, que agochan todo un mundo paralelo.
Segundo
a súa directora, o reto cinematográfico era desvelar algo dese mundo
máis oculto que visible, botando man da ollada do poeta Uxío Novoneyra,
quen definiu O Courel como un iceberg. Con tal fin, a fita narra unha
viaxe que parte da inocencia para descubrir o misterio da loita entre a
vida e a morte.
Galega afincada en Barcelona, Diana Toucedo debuta con Trinta lumes
na dirección de longametraxes, tras unha ampla traxectoria como
montadora de longas e directora de curtametraxes documentais e
experimentais, que compaxina coa súa faceta como docente en diferentes
centros universitarios de Cataluña.
Na actualidade, atópase en
proceso de produción de Porto desexado, documental que está a rodar
entre Galicia e Arxentina e para o que conta de novo con subvención da
Agadic.