Galicia pechou o ano pasado cun incremento da produción industrial
do 4,9%, o que a sitúa como a segunda Comunidade na que máis medra este
índice e ratifica o destacado papel deste sector na recuperación
económica galega.
O crecemento do Índice de Produción Industrial
(IPI) de Galicia en 2018 é o maior rexistrado nun ano desde 2007 e,
ademais, a Comunidade encadea catro subas consecutivas desde 2015. Por
sectores, destacan os incrementos na produción de enerxía eléctrica
(11,1%), a fabricación doutro material de transporte (77,8%) e a
industria da alimentación, que sobe un 3,7%.
Esta tendencia no
crecemento industrial completouse durante o ano pasado cun incremento
das exportacións do 7,2% ata novembro de 2018; unha mellora do sector no
mercado laboral xa que o paro industrial descendeu en máis dun 10% a
peche de 2018 con respecto a decembro de 2017 mentres que as afiliacións
subiron máis dun 14% (máis de 2 puntos por riba da media do Estado).
Ademais, Galicia é a Comunidade na que máis se incrementaron os salarios
neste sector (o 5%).
O Goberno galego está apoiando o incremento
da produción industrial a través da Axenda Industria 4.0, que ten entre
os seus obxectivos para o ano 2020 que o peso da industria creza no PIB
galego; así como a través da Lei de implantación empresarial que busca
facer de Galicia unha terra de oportunidades favorecendo os
investimentos empresariais na Comunidade con medidas que ofrecen máis
simplificación administrativa, máis incentivos e máis facilidades para o
acceso ao solo.